Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo estuda liñas de colaboración coa entidade propietaria do polígono para facer “máis atractiva” a implantación de empresas

mond-sepsMondoñedo, 16 de decembro de 2016.- O Concello de Mondoñedo estuda liñas de colaboración coa entidade pública encargada do desenvolvemento e comercialización do parque empresarial de Mondoñedo, Suelo Empresarial del Atlántico S.L. (SEA).

En concreto, a alcaldesa da localidade, Elena Candia, vén de manter unha reunión coa directora xeral do SEPES, Entidade Estatal do Solo, e presidenta do Consello de Administración de Suelo Empresarial del Atlántico S.L. (SEA), Lucía Molares Pérez.

A rexedora mindoniense explica que o obxectivo desta xuntanza foi o de buscar fórmulas de colaboración entre a administración local e a empresa pública dirixidas a incentivar a venda de terreos do polígono industrial da localidade e facer “máis atractivo” o asentamento de iniciativas empresariais na cidade.

Entre os asuntos tratados no transcurso da xuntanza, a rexedora da localidade informa que acordaron asinar un convenio dirixido a acercar a empresa pública propietaria do polígono á localidade e, neste eido, habilitar na cidade un punto de información de venda das parcelas, que funcionaría un día ao mes ou cantas veces fose preciso.

Ademais, Elena Candia informouse sobre as bonificacións existentes para a adquisición das parcelas e obtivo a confirmación por parte da presidenta de SEA de que propoñerá na próxima reunión do Consello de Administración o abaratamento do custe económico dos terreos, mantendo a baixada do 20% “que xa houbo nalgún momento”, matiza a alcaldesa.

Favorecer o asentamento de empresas
Co mesmo obxectivo de fomentar o establecemento de empresas no polígono, tamén foron aceptadas novas fórmulas de concesión dos terreos que favorecerían o asentamento de iniciativas, é o caso da adxudicación en réxime de dereito de superficie, o que permitiría que os adxudicatarios puidesen destinar os seus medios económicos a poñer en marcha os seus negocios, deixando o desembolso de adquirir o terreo para máis adiante.

Polo tanto, Elena Candia, remarca que dende o Goberno local “estamos a realizar unha forte aposta por medidas encamiñadas a xerar riqueza e postos de traballo na provincia”, polo que considera “importantísimo avanzar na posta en valor do polígono industrial para incentivar o asentamento empresarial na localidade”.

Exit mobile version