Ribadeo, 20 de decembro de 2016. O Concello ven de asinar un convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social para ampliar a superficie de uso da Casa do Mar. Grazas a este acordo serán 200 metros cadrados máis os que poida empregar a Escola Municipal de Música e Danza, segundo deu a coñecer este martes o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que “finalmente despois de bastante tempo de trámite, por fin podemos asinar un convenio coa Tesourería Xeral da Seguridade Social de ampliación da superficie de cesión e de uso que ten o Concello na Casa do Mar de Ribadeo”.
Suárez Barcia lembrou que “é un lugar onde actualmente se atopa a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, así como outras asociacións culturais e musicais. De aí que lle pedimos á Tesourería Xeral da Seguridade Social hai tempo, que nos permitiran ocupar para a Escola de Música unhas dependencias que agora mesmo están valeiras, desde que a Capitanía Marítima saíu de aí, no seu primeiro andar”.
O alcalde de Ribadeo contou que “é unha superficie de practicamente 200 metros cadrados que vai vir moi ben para aliviar un pouco esta situación que temos de tanta xente, tantos alumnos e tantas alumnas no apartado de música e de danza, para que poida ser un pouco máis agradable gozar de máis espazo. En definitiva é para que os nenos e nenas de Ribadeo, en número de practicamente 300, que son os que ten a Escola de Música, poidan levar día a día o seu traballo e a súa formación moito mellor”.
O rexedor ribadense subliñou que “lle damos o agradecemento aos responsables de toda esta tramitación da Tesourería Xeral da Seguridade Social por facer posible este convenio que acabamos de asinar agora”.