Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo continuará coa plantación de especies autóctonas para substituír aos eucaliptos do paseo entre A Vilavella e o muíño de mareas das Aceas

Ribadeo, 5 de decembro de 2016. O Concello continuará substituíndo os eucaliptos por vexetación autóctona no paseo entre A Vilavella e o muíño de mareas das Aceas. Destinará unha partida de arredor de 20.000 euros para a plantación de carballos, bidueiros, loureiros ou acivros, entre outras especies, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde.

Fernando Suárez anunciou que “continuamos no noso empeño de mellorar e poñer en valor o noso patrimonio natural, e queremos continuar a experiencia da mellora ambiental nunha zona moi valorada desde que abrimos ao público, estoume referindo ao sendeiro que vai desde A Vilavella ata o muíño de mareas das Aceas”.

O rexedor ribadense explicou que “para isto e a través dunha pequena subvención de Conservación da Natureza que conta con fondos europeos para Concellos incluídos na rede Natura, contamos cuns 20.000 euros para continuar substituíndo a vexetación foránea, é dicir os eucaliptos, por outra autóctona”.

Suárez Barcia salientou que “nesta segunda fase imos continuar a substituír os eucaliptos que quedaron da primeira fase, é dicir desde o sendeiro cara á ría de Ribadeo. Para deseñar esta nova plantación, tal e como fixemos na primeira fase, tomouse como referencia a zona próxima ao muíño de mareas nas Aceas, que milagrosamente preservou ao longo do tempo especies autóctonas de xeito natural. E agora nós en toda esa continuación, imos poñer árbores e arbustos, árbores como carballos, bidueiros ou cerdeiras, e arbustos como espiños, loureiros ou acivros”.

O alcalde de Ribadeo asegurou que “o que se persegue é que todo camiñante que vaia por esa zona, vaia tendo esa visión magnífica da ría de Ribadeo agora aberta, sen eucaliptos, con vexetación autóctona, por ese paseo fermoso que vai quedar rodeado de vexetación autóctona. Isto danos pé a seguir traballando con esta ilusión que temos de ir transformando toda a banda de ribeira do noso concello que linda coa ría de Ribadeo, para ir eliminando os eucaliptos e transformándoos en vexetación autóctona”.

Fernando Suárez móstrase convencido de que “isto é un paso humilde, pero forte para recuperar algún día esta vía verde pola que levamos anos traballando, que é a de unir A Pontenova con Ribadeo, a través do antigo percorrido do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz”.

Exit mobile version