Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno da Deputación abre a inscrición de 7 cursos do LUGOWORK para mozos desempregados

O Goberno da Deputación abriu o prazo de inscrición para as primeiras 7 accións formativas, dirixidas a mozos lucenses menores de 30 anos, que sexan desempregados e estean inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, do LUGOWORK. Trátase do 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Executivo da institución tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. De feito, o 91,89% deste presuposto é do Fondo Social Europeo.

Os cursos, gratuítos e de 3 meses de duración, son sobre distintos nichos de emprego, detectados e avaliados co propio sector produtivo da provincia co obxectivo de acadar a inserción laboral dos mozos e mellorar a competitividade das empresas lucenses. Tras esta fase de formación, os participantes terán a posibilidade de traballar en empresas da provincia durante 6 meses. O Goberno da Deputación subvencionará os seus contratos con axudas de 5.000 euros.

As accións formativas, cada unha con 15 prazas, sumando un total de 105, son: Auxiliar de vendas online e atención ao público (que terá lugar en Lugo); Axudante de cociña e servizo de restauración (Lugo); Emprego eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal (Viveiro); Aserrado de madeira (A Fonsagrada); Auxiliar de xestión informática e Internet para Pemes (Lugo); Traballos auxiliares en obras de rehabilitación e construción (Monforte); e Operario de obra civil (Lugo).

A solicitude pode realizarse dende xa e ata o 3 de febreiro. Os interesados deben formalizar a súa inscrición en www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es. Máis información en lugowork@deputacionlugo.org e en 982-26-00-88 ou 982-26-00-77.

Poden inscribirse no Sistema de Garantía Xuvenil no seguinte enlace http://www.empleo.gob.es/es/garantiajuvenil/accesoJovenes.html.

Exit mobile version