Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación resolve investimentos de 2 millóns de euros en impulso da provincia

O Executivo da Deputación resolveu este venres en Xunta de Goberno investimentos dun total de 2.016.540 euros en impulso da provincia. Trátanse das contratacións de obras por valor de 460.000 euros en estradas provinciais de Abadín e Friol; do pago doutros 221.540 euros pola execución de melloras en infraestruturas no rural dos municipios; da concesión de axudas de 470.000 euros para equipos deportivos lucenses en 1ª e 2ª categoría absoluta estatal, que non son sociedades anónimas; así como dos contratos de 600.000 euros e 260.000 euros para que o Breogán e o CD Lugo desenvolvan actividades de promoción da provincia e de integración social.

Así informou o voceiro do Goberno. Álvaro Santos Ramos explicou que o Executivo acordou a adxudicación das obras de mellora nas estradas provinciais de Fontevella a Carrizal, no concello de Abadín; e na estrada que une Friol con Parga, no municipio friolés. Son dúas das obras incluídas nas actuacións de índole provincial do Plan de Obras e Servizos de 2016 para as que o Goberno da Deputación achega 460.000 euros.

En Abadín, trátase da vía LU-P-0102, onde o Executivo Provincial vai mellorar 1,2 quilómetros, dende o punto quilométrico 2,700 ao 3,900, con 251.000 euros da Deputación. En Friol, tratase da estrada LU-P-2102, onde o Executivo Provincial vai mellorar 3,4 quilómetros, dende o punto quilométrico 5,940 ao 9,300, con 208.500 euros da Deputación. Os traballos en ambas as dúas estradas consisten na limpeza de cunetas, mellora do firme con aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical.

O Goberno Provincial aprobou o pago de 22 obras de mellora en accesos públicos, traídas de auga e centros sociais por valor de 221.540,96 euros. Estas executáronse en zonas rurais dos municipios de Monforte de Lemos, Lugo, Friol, Riotorto, O Saviñao, Lourenzá, A Fonsagrada, O Valadouro, A Pobra do Brollón, Negueira de Muñiz, Cervantes, Pol, Folgoso do Courel, Láncara e Triacastela. Abóanse logo de que os colectivos beneficiados xustificasen a execución dos traballos, que se inclúen no Plan de Impulso ao Medio Rural e ao Sector Primario. Esta programación está dotada de 2,2 millóns de euros, dos que se levan pagados, tras a xustificación das obras, 2 millóns.

Axudas deportivas
O Executivo da Deputación resolveu a concesión das axudas deportivas de concorrencia non competitiva por valor de 470.000 euros aos 5 clubs da provincia que participan en campionatos oficiais federados de primeira ou segunda absoluta estatal e non son sociedades anónimas deportivas. A resolución destas axudas é a seguinte:

– 164.484,10 euros para o Burela, o único club de España con equipo masculino e feminino en Primeira División de Fútbol Sala.
– 130.839,63 para o Prone, que conta cunha dilatada historia na máxima categoría do fútbol sala nacional. É unha entidade recoñecida internacionalmente, que ten unha forte aposta pola canteira, especialmente, na cidade de Lugo.
– 33.503,41 euros para o Club Peluquería Mixta de Friol, que é un claro exemplo de integración e igualdade deportiva. É o único equipo de fútbol feminino nesta categoría, que ganou a Copa Deputación de Lugo nesta categoría.
– 70.192,86 euros para o Club de Baloncesto feminino Ensino, que é outro exemplo de igualdade deportiva. O Club está moi preto de cumprir catro décadas formando a numerosas promocións de xogadoras da provincia e manténdose durante este tempo na elite do deporte.
– 70.980 euros para o Emeve, que é a referencia do voleibol da provincia, un club que loita a diario para dar a coñecer e potenciar un deporte minoritario.

Promoción da provincia a través do CD Lugo e Breogán
Tras aprobar nas pasadas semanas as correspondentes axudas para o CD Lugo e o Breogán, hoxe o Executivo aprobou as actuacións a realizar por ambos os dous equipos para promocionar o conxunto do territorio lugués e fomentar a integración social. Estas recóllense en contratos de 265.000 euros no caso do club de fútbol e de 600.000 no do club celeste, que se adaptan as condicións establecidas nos pregos presentados publicamente e aprobados en pasadas Xuntas de Goberno. A través destes contratos de patrocinio promocionarase internacionalmente todos os recursos de Lugo, ao tempo que se impulsará a integración social, igualdade, solidariedade ou a superación.

Exit mobile version