Site icon Crónica3.com A Mariña

O medio quilómetros de tecido calcetado pola Chocolateira ponse á venda en forma de mantas solidarias doadas á Asociación de Axuda Contra o Cancro de Ribadeo

Ribadeo, 22 de decembro de 2016. As persoas participantes no programa de innovación social para o emprego A Chocolateira, do Concello, marcáronse como un dos seus retos socias unir esforzos e conseguir o maior número de tecido calcetado para ser convertidas en mantas solidarias doadas á Asociación de Axuda Contra o Cancro de Ribadeo. Ditas mantas serán postas á venda no seu xa tradicional mercadiño de Nadal.

Estas mantas solidarias representan o esforzo, vontade e motivacións de moitas persoas de procedencia de distintas parroquias e lugares como Vilaousende, Vilaselán, Rinlo, As Anzas, Ribadeo, Vilela, Cinxe, Centro de Día da Veiga, Abres, San Tirso, Xixón, Rábade e moitas persoas individuais que doaron o seu tempo e traballo para conseguir case medio quilómetro de tecido que será convertido en mantas solidarias, bufandas, coxíns, etc.

Desde a Área de Desenvolvemento Local do Concello sinalan que “aínda que a día de hoxe este grupo de persoas segue a recibir tecido, a partir de hoxe poderán adquirirse neste mercadiño que recada fondos para a loita contra o cancro, que está sito na rúa Ramón González. Queremos convidar a continuar este esforzo colectivo e achegarse ao mercadiño de Nadal da Asociación de Axuda Contra o Cancro para comprar e regalar solidariedade este Nadal”.

A delegación de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio salienta que “son este tipo de iniciativas as que suman vontades, sentimentos, motivacións e que poñen o foco nas persoas ás que teñen o éxito garantido”.

O mercadiño (no antigo local de Diva Fruit, na rúa Ramón González ) abre os días de semana no horario de tarde e os festivos e fins de semana de 12.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas.

Exit mobile version