Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento do Concello de Burela para o vindeiro ano ascende a 7,1 millóns de euros

Burela, 9 de decembro de 2016. O orzamento do Concello para o vindeiro ano ascende a 7.100.000 euros e o alcalde espera que poida ser aprobado en pleno na última semana do ano. Alfredo Llano salienta destas contas a redución da débeda e a partida de 400.000 euros que se destinará a investimentos reais. E lembra que non haberá suba de prezos públicos, taxas e impostos.

O alcalde burelés dixo que “agora mesmo estamos traballando sobre o orzamento do ano 2017 e eu calculo que sobre a última semana deste mes, o 28 ou o 29 de decembro, levarémolo ao pleno extraordinario para aprobar estes presupostos”.

O rexedor subliñou que “imos incrementalos nuns 300.000 euros con respecto ao orzamento deste ano. Neste 2016 era un total de 6.800.000 euros aproximadamente e imos pasar a 7.100.000 euros, o cal quere dicir que vai incrementando as posibilidades do noso concello, ao mesmo tempo que hai que ter en conta que xa amortizamos débeda este ano en valor de 350.000 euros. Imos tratar de eliminala xa por completo no primeiro trimestre do ano 2017 para que quede esa conta definitivamente pagada”.

Llano explicou que “no pago a provedores agora mesmo temos unha débeda de case 900.000 euros, fixemos un primeiro pago de 350.000 euros e agora calculo que no primeiro trimestre do ano que ven se poida amortizar o resto. Isto significa que por un lado imos ter máis dispoñibilidade de cartos para facer investimentos reais, que é algo moi importante e bo para Burela por valor duns 400.000 euros aproximadamente, e por outro lado viña derivado das contas dos anos pasados, estábamos afectados por un plan de axuste, que con esta amortización de débeda eliminamos”.

O alcalde burelés indicou que “estamos conseguindo normalizar totalmente as contas do Concello de Burela, e que estean todo en positivo. Facémolo deste xeito, por un lado amortizando capital e así eliminamos o plan de axuste, e por outro lado coa eliminación de transferencias que había que facer para este pago de débeda, agora imos levalo para investimentos”.

Alfredo Llano manifestou que “os investimentos van ir enfocados a preparar locais para asuntos sociais, para asociacións e para actividades que nosoutros queiramos realizar con algún local que imos desafectar. Tamén imos seguir cos plans que estamos levando a cabo agora de arranxo de rúas e beirarrúas. Imos tamén procurar amañar os espazos públicos como parques, xardíns e prazas, e vai haber bastante intensidade nos investimentos porque é moi bo contar con este capital en torno a 400.000 euros, ademais doutras subvencións que poidan vir da Xunta ou da Deputación”.

O rexedor indicou que “ademais de amortizar capital nosoutros imos incrementar o orzamento para o ano 2017 sen necesidade ningunha de subir os prezos públicos, as taxas e os impostos. Este ano non aumentamos ningún imposto senón que baixamos algúns como os da auga, o lixo e os sumidoiros, e tamén eliminamos a taxa que se pagaba para o dereito de exames, que pensamos que é algo positivo para a xente que estea no paro e queira apuntarse a algunha praza que hai no Concello. Reducimos tamén as de ocupación de diversas instalacións como poden ser o polideportivo ou aulas para realizar actividades”.

Alfredo Llano fixo fincapé en que “sen necesidade de incrementar ningún prezo público nin taxa senón ao revés, porque rebaixamos moitas e conxelamos outras, amortizamos capital e incrementamos nuns 300.000 euros o orzamento para o ano que ven. Penso que é extraordinariamente positivo para o noso concello. Normalizando as contas e traballando en positivo pouco a pouco vaise consolidando un Concello con fortaleza e con poucas preocupacións económicas, e iso é o que queremos deixar aos veciños e veciñas e ao mesmo tempo con estes orzamentos procurar facer o máximo posible para que Burela siga crecendo e sendo un claro referente na comarca de A Mariña”.

Exit mobile version