Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro lamenta “o engano da sra alcaldesa aos veciños de Viveiro”

Hai uns días dende o PP de Viveiro lamentábamos a non contratación dun axente de emprego por parte do Concello de Viveiro (perfectamente compatible e complementario co actual orientador laboral). No seu escrito de resposta á Sra. Alcaldesa reclamaba nun medio de comunicación – A Mariña do Progreso do 3 de decembro – que mostrásemos a mesma vehemencia para esixir á Xunta explicacións que xustificaran por que esa Administración denegara ó Concello, dúas veces e en anos consecutivos, os obradoiros de emprego.

Dende o PP de Viveiro entendemos que a Viveiro non ten que corresponderlle máis ca ninguén, pero tampouco menos do que lle debería de corresponder, por este motivo solicitei unha entrevista con novo Delegado da Xunta en Lugo José Manuel Balseiro para que nos explicase este feito denunciado pola Alcaldesa. As explicacións dado polo mesmo falan por si solas:

1. No ano 2015 non figuran solicitudes do Concello de Viveiro nin para os obradoiros ordinarios nin para os de garantía xuvenil.

2. No ano 2016 o concello solicita subvención para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación. Dende a Xunta se lle fai un requirimento de documentación, o 28 de marzo de 2016 recibido no Concello o 31 de marzo tal e como consta no xustificante de recepción , por estar o expediente incompleto. Da documentación solicitada o Concello non presentou nin o certificado expedido polo secretario ou cargo equivalente da entidade promotora que acreditase a titularidade xurídica dos locais e a súa dispoñibilidade para a execución da obra ou servizo que se ía a realizar, nin presentaron as autorizacións administrativas esixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección de obxectos sobre os que se actúa.

3. No ano 2016 o Concello presenta solicitude de subvención para o fomento do emprego a través dos programas mixtos de emprego, dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Novamente e dado que o expediente estaba incompleto, a Xunta lle fai un requirimento para completar a documentación – o 29 de marzo de 2016 e que foi recibido no Concello o 4 de abril -. Da documentación solicitada o Concello non presentou nin o certificado expedido polo secretario ou cargo equivalente da entidade promotora que acreditase a súa dispoñibilidade para a execución da obra ou servizo que se ía a realizar, nin o certificado onde constasen as fontes do financiamento da parte do custe do proxecto que non era subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria: a cantidade que certificaba non se correspondía coa que figuraba na memoria.

Resulta pois evidente que ningún dos dous expedientes se aprobou o estar ambos incompletos.

Como se pode comprobar as explicacións están claras, no 2015 non se conceden porque non se solicitan e no 2016 déixanse escapar por non completar a documentación requirida, polo que queda patente unha vez máis a deixadez e falta de xestión da Sra. Loureiro, quen ademais intenta enganar os veciños de Viveiro facéndolles crer que é vítima do pouco caso que lle fan dende a Xunta cando a realidade e ben distinta tal e como se pode comprobar.

Dende o PP de Viveiro seguirémoslle reclamando vehementemente que se gañe o soldo que lle pagamos todos os veciños de Viveiro para que xestione axeitadamente o noso Concello e que non deixe escapar oportunidades como consecuencia da súa escasa xestión e poucas gañas de traballar, porque como ocurriu neste caso concreto si se tivera completada a documentación que se lles pediu, ó mellor esa cifra de 1111 parados en Viveiro no mes de novembro se houbese visto sensiblemente reducida.

Exit mobile version