Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación da conta sobre o orzamento provincial na Comisión de Economía do Parlamento

campos-formosoDarío Campos Conde: Comparezo por segunda vez na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para informar sobre as liñas xerais do Presuposto da Deputación de Lugo para 2017.

Fágoo defendendo dous claros principios:

Primeiro: a transparencia nas administracións públicas, como un valor que vai moito máis alá do ético; como un valor, que está profundamente vinculado á democracia.

Creo, e defendo con firmeza, que a obriga de todos os representantes institucionais é dar conta á cidadanía sobre o que facemos, por que o facemos, como o facemos e canto nos custa; pois somos os responsables de xestionar o público, o que, en definitiva, é de todos os cidadáns.

E segundo: fágoo defendendo a necesaria labor de cooperación e coordinación entre as diferentes institucións, e, concretamente, das Deputacións coa Xunta para, verdadeiramente, responder con éxito ás necesidades de todos os galegos mediante o traballo conxunto e organizado das súas administracións públicas.

Hai pouco máis dun ano, comparecía nesta mesma Cámara para informar sobre o Orzamento da Deputación para 2016.

Facíao no mes de novembro, avanzando cada unha das liñas de actuación coa súa correspondente partida económica.

Só a absoluta falta de responsabilidade e de compromiso cos cidadáns dunha parte da Corporación Provincial, poden explicar que o presuposto de 2016 non fose acordado polo Pleno da Deputación ata o mes de xullo, cando as contas provinciais, finalmente aprobadas, non cambiaron, nin un só ápice, ás que presentei nesta Cámara 7 meses antes.

Pero creo que os representantes políticos non estamos para lamentarnos, e, moito menos, cando temos responsabilidades de goberno.

A nosa función é a de ofrecer solucións e responder aos cidadáns, dialogando, buscando consensos, e, principalmente, traballando.

E iso foi o que fixemos na Deputación de Lugo. Primeiro para poder aprobar o Orzamento de 2016 e logo para executalo nun tempo récord.

Hoxe pódolles adiantar que, cando seguimos tramitando máis proxectos, e cun rítmo de execución trepidante, conseguiremos que o Orzamento de 2016 supere o 90% do gasto autorizado ao rematar o ano.

Nun tempo récord, con 6 meses menos do exercicio presupostorio habitual, conseguiremos acadar unha inxección económica na provincia de máis de 90 millóns de euros este ano.

Unha inxección económica que facemos dende diferentes vertentes, (os 67 Concellos da provincia, o conxunto do tecido asociativo e de entidades públicas ou a través de programacións provinciais), que conflúen nun mesmo fin: as persoas.

Son elas, os máis de 350.000 veciños dos 67 Concellos da provincia de Lugo, os protagonistas das contas provinciais deste ano e do 2017.

Cada céntimo da Deputación de Lugo é para mellorar a súa calidade de vida e garantir a igualdade de oportunidades nunha provincia, como a lucense: envellecida, cunha ampla dispersión poboacional, afectada polo despoboamento demográfico, sufrindo moitas familias o desemprego e co sector gandeiro nun momento de profunda crise coñecido por todos.

E isto só pasa polo fomento do emprego, das políticas sociais e das infraestruturas.

Estes volverán a ser os 3 piares do Orzamento da Deputación para 2017.

Un orzamento consolidado que, á espera de coñecer a previsión de ingresos por parte do Estado, prevemos que ascenda a 88,4 millóns de euros, un 0,16% máis que no 2016.

O seu conxunto pivotará, como dixen, entorno ás persoas; en dar resposta ás necesidades dos lucenses dos 67 Concellos.

A Deputación de Lugo volverá a ser no 2017 a administración galega que máis invista en emprego na provincia de Lugo, con actuacións de máis de 10 millóns de euros que xeran emprego directo a través de políticas activas de empregabilidade e de fortalecemento do tecido produtivo e do sector terciario.

Achegaremos máis de 7,5 millóns de euros á posta en marcha de novos plans cos que xerar emprego nos 67 Concellos de calidade, con cláusulas sociais que blinden os dereitos dos traballadores; e que favorezan aos colectivos con máis dificultades, como á mocidade ou ás persoas con capacidades diferentes; así como o emprendemento.
Farémolo a través dos Concellos para reforzar, ao mesmo tempo, a prestación de servizos públicos municipais aos veciños; do tecido asociativo para contribuír a súa imprescindible función social; e do empresarial para mellorar a competitividade dos negocios de autónomos e PEMES lucenses, dinamizando, polo tanto, a economía da provincia.

Simultaneamente, continuaremos coa execución do DEPUEMPREGO1, o plan de emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes a través do que financiamos, con 3 millóns de euros, máis de 260 novos postos de traballo nos municipios; así como co Ben Empregado3, a programación de 2,4 millóns de euros, que estamos a piques de resolver, e co que custeamos a contratación duns 200 desempregados lucenses entre un 50% e ata nun 100%, no caso de seren persoas en risco de exclusión laboral, como ás que sofren problemas físicos ou psíquicos, así como as vítimas de violencia de xénero, entre outras.

Os nosos plans de emprego defenden a igualdade de oportunidades, atendendo, en maior medida, aos colectivos en risco de exclusión laboral; ademais da xeración de postos de traballo de calidade, non permitindo, en ningún caso, desigualdades laborais.

Baixo esta premisa, no Orzamento da Deputación de 2017 incorporamos 330.000 euros máis á aportación anual que realizamos ao Consorcio Provincial de Bombeiros co obxectivo de equiparar o salario dos 132 profesionais que prestan este servizo nas 6 instalacións contra incendios da provincia de Lugo ás dos bombeiros da provincia de Ourense.

Mesmo traballo, mesmo risco, mesmo soldo.

É de xustiza atender a esta reivindicación dos bombeiros lucenses.

Agardo que a Xunta, responsable ao 50% do Consorcio Provincial de Bombeiros, teña a mesma sensibilidade e cumpra con estes profesionais, achegando os outros 330.000 euros máis imprescindibles e da súa competencia para poder equiparar as condicións laborais dos profesionais contra incendios do territorio lugués.

Todos estamos á espera da resposta da administración autonómica.

Continuaremos colaborando coa Xunta de Galicia no financiamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal.

Este ano, a de Lugo converteuse na primeira Deputación galega en asumir a totalidade de custos dos Concellos polos GES. No 2017, seguiremos facéndonos cargo da aportación que teñen que realizar os municipios, achegando un total de 700.000 euros para garantir este servizo de emerxencia e prevención, así como os postos de traballo dos máis de 70 profesionais que ofrecen esta prestación.

Xeraremos outros 10 postos de traballo coa posta en marcha na primavera do primeiro centro de recría de gando vacún público en España na granxa provincial de Gayoso Castro.

O pleno funcionamento destas instalacións suporá que se movan ao ano entorno á provincia un mínimo de 3 millóns de euros, entre o valor no mercado dos 3.000 animais recriados e a contratación de todos os bens e subministros para a súa atención.

O centro de recría é un dos grandes proxectos da Deputación de fomento do emprego e da economía da provincia a través do pulo do sector gandeiro.

Rematada a construción desta instalación, que financiamos en solitario con 10 millóns de euros, e posta a andar, permítenos iniciar no 2017 a construción dunha nave de recría de vacún de carne cuns 350.000 euros do vindeiro orzamento para a mellora e selección da raza Rubia Galega.

Lugo acolle máis do 70% das reses de Rubia Galega do territorio nacional, superando as 35.000 cabezas. Polo tanto, cremos nas potencialidades da mellora e expansión desta raza de vacún. Ademais, nos últimos anos, a través da colaboración que mantemos con ACRUGA, fomos capaces de xerar uns beneficios de case 2 millóns de euros aos gandeiros coa recría e mellora, e posterior venda, de centos de exemplares de Rubia Galega nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro.

A día de hoxe, nestas instalacións da Deputación tamén acollemos unha unidade de leite, na que os estudantes da Facultade de Veterinaria están a realizar prácticas únicas e imprescindibles para a súa formación.

No 2017 vamos a dar un paso máis en prol da formación e, principalmente, da investigación.

Man con man coa USC, transformaremos a unidade de leite da Granxa Gayoso Castro nunha granxa experimental, onde se desenvolvan proxectos de formación e investigación por parte do alumnado e dos profesionais da Facultade de Veterinaria, cun investimento inicial de 300.000 euros.

Isto vai a permitir, por un lado, que a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo conte cunhas instalacións que garantan a renovación da súa acreditación internacional, ademais de proxectos de investigación que revertan nun maior valor engadido dos produtos lácteos ou na mellora da produtividade das explotación gandeiras.

Fomentaremos o emprego e dinamizaremos a economía da provincia, potenciando cada un dos sectores produtivos de Lugo, (gandeiría, agricultura, pesca, artesanía, comercio, hostalería, industria…), colaborando con axudas directas ou programacións provinciais con todos os colectivos que o representan.

Un dos nosos plans que contribuirá ao pulo do conxunto do tecido produtivo da provincia será o Plan Integral de Turismo.

Estamos en pleno proceso de adxudicación, a piques de rematar o procedemento de contratación que nos permitirá poñer en marcha esta ambiciosa programación no 2017, na que implicaremos a todos os axentes no seu desenvolvemento e, por suposto, aos Concellos, pois cada un dos 67 municipios que integran Lugo ten as súas específicas potencialidades turísticas, conformando unha provincia única.

Cremos nas potencialidades turísticas da provincia de Lugo, cando ten 3 Reservas da Biosfera declaradas pola UNESCO, máis de 100 quilómetros de costa, máis de 800 quilómetros de rutas de peregrinación a Compostela, patrimonios da Humanidade como a Muralla ou os Camiños Primitivo e Norte, e seguiremos pelexando para que a Ribeira Sacra acade este mesmo e merecido distintivo.

Por este motivo, o vindeiro ano achegamos 1,7 millóns de euros do Orzamento a medidas de fomento e impulso do turismo no conxunto da provincia.

Para que as persoas estean atendidas son imprescindibles os servizos sociais públicos, accesibles, asumibles e de calidade.

Como dixen, as persoas, os máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos da provincia, volven a ser os indiscutibles protagonistas das contas provinciais de 2017.

Por este motivo, o vindeiro ano achegamos máis de 9,5 millóns de euros a políticas sociais, coas que ofrecer calidade de vida ás persoas dunha provincia rural e envellecida coma Lugo, ás que queremos ofrecer igualdade de oportunidades para acceder aos servizos públicos.

Investimos máis de 4 millóns de euros no inicio de novos proxectos de centros públicos para a atención dos maiores nos municipios.

Facémolo cando xa levamos un importante esforzo inversor na construción dunha rede pública de residencias e centros de día na provincia; unhas instalacións moi demandadas polos propios cidadáns e por Alcaldes de Concellos gobernados por distintas formacións políticas, que non poden prestar atención aos seus veciños nos propios municipios, cando queren permanecer preto das súas casas; ou non poden acceder a centros privados.

Neste punto, cómpre lembrar que teño solicitada unha entrevista co Presidente da Xunta para abordar persoalmente a necesaria implicación da principal administración galega neste proxecto social, que clama a cidadanía lucense.

A provincia de Lugo non quere un trato de favor, quere un trato igual que ao resto de galegos.

Reclamamos convenios de colaboración, como os que a cotío facemos en todas as administracións públicas, como os que desenvolvemos na Deputación de Lugo cos 67 Concellos da provincia por igual; para poder cofinanciar prazas públicas nos nosos centros públicos.

Agardo a resposta do Presidente da Xunta, e a súa man tendida, tal e como subliñou na súa recente toma de posesión como titular autonómico.

Seguindo coas actuacións do orzamento de 2017 para fomentar o benestar social; subliñar que achegamos 1,5 millóns de euros ao Servizo a Domicilio nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, supoñendo custe cero para os municipios, cando xa ofrecemos este servizo a 1.800 familias da provincia.

Duplicamos a nosa colaboración coas entidades e colectivos que representan e traballan pola igualdade de persoas con capacidades diferentes, con axudas que superan os 460.000 euros.

Inxectamos outros 350.000 euros para ofrecer un servizo de Teleasistencia gratis na provincia, que, a día de hoxe, xa prestamos a preto de 1.200 lucenses de xeito gratuíto, e que aspiramos a chegar a 1.600.

Incrementamos en preto de 200.000 euros o investimento para actividades de envellecemento activo a maiores dos 67 Concellos da provincia a través do Centro de Innovación Social InLugo, que puxemos en marcha.

E tamén dentro do capítulo de políticas sociais, achegamos 1,6 millóns de euros ao funcionamento do único centro público na provincia de Lugo que ofrece ensinanzas superiores no eido audiovisual, e con matrícula gratuíta; ao tempo que colaboramos con máis de 1 millón de euros no acceso universal a proxectos de educación pública e de calidade da USC e da UNED en Lugo.

Nunha provincia rural como Lugo, cunha grande dispersión poboacional e cun grave problema demográfico, é necesario o reforzo do conxunto das infraestruturas para o benestar das persoas e para garantir a igualdade de oportunidades.

Por este motivo, facemos un esforzo inversor de preto de 18 millóns de euros na mellora de estradas provincias e municipais con programacións como o POS; ou no acondicionamento e dotación de novos servizos públicos nos 67 Concellos da provincia, especialmente en zonas rurais.

Como Alcalde que tamén son, defendo o municipalismo. Creo que as institucións públicas máis próximas aos cidadáns son as que mellor coñecen os problemas dos veciños e, deste xeito, as que mellor poden responder aos mesmos.

Defendo, polo tanto, e así queda patente nas políticas de actuación que levamos a cabo dende o organismo provincial ao que represento, que é imprescindible a unión entre Concellos e Deputacións; ao igual que reclamo, a necesaria colaboración da Xunta de Galicia nos proxectos en prol das persoas de Concellos e Deputacións para, verdadeiramente, poder atender ás necesidades dos nosos veciños.

Tamén defendo a autonomía municipal, pois sei, de primeira man, que as necesidades específicas de cada Concello non son as mesmas. Deste xeito, considero que as restantes institucións públicas, como as Deputacións provinciais, debemos ofrecer todas as facilidades para axustarnos ás mesmas.

Baixo esta premisa, durante o 2016, adaptamos programacións por máis de 10 millóns de euros nos Concellos, distribuídos en base a criterios totalmente obxectivos, (como a taxa de paro, superficie, poboación, índice de envellecemento, entidades poboacionais ou esforzo fiscal), para xerar emprego, ofrecer servizos públicos ou mellorar infraestruturas, atendendo ás respectivas necesidades, que nos definiron cada un dos municipios da provincia.

Podo adiantar que no 2017, froito da débeda cero que temos, e que manteremos tamén na vindeira anualidade, ofrecemos aos municipios programacións coas que seguir ofrecendo solucións aos seus veciños por un valor provisional e mínimo de 12 millóns de euros, que tamén distribuiremos en base a criterios obxectivos.

A maiores, outras das colaboracións cos Concellos será no eido da xestión de residuos.

Durante este ano, levamos a cabo, xunto ao Eixo Atlántico, un estudo individual de cada unha das entidades locais, que quixeron sumarse a esta iniciativa totalmente gratuíta para elas, e que foron 50 Concellos lucenses.

Determinamos que unha das medidas que poderían contribuír á necesaria redución de custos pola xestión de residuos, custos que están a repercutir directamente nos petos dos cidadáns, é a separación da materia orgánica, pois esta representa unha grande porcentaxe da que é trasladada a Sogama.

Polo tanto, vamos a poñer en marcha este vindeiro ano un proxecto piloto sobre a xestión de residuos, co que pretendemos acadar unha redución na factura dos Concellos con Sogama de ata o 80%.

Remato, remarcando que as medidas do Goberno Provincial que presido están encamiñadas a facer da Deputación de Lugo unha Deputación coas persoas, unha Deputación social e unha Deputación rural.

Por iso, o conxunto dos novos investimentos de 37,5 millóns de euros que sinalei e que definen as liñas xerais do Orzamento para 2017 responden á necesidade de fomentar o emprego, as políticas sociais e as infraestruturas para garantir a igualdade de oportunidades nunha provincia, como Lugo, 100% rural, envellecida, cunha forte dispersión poboacional e cunha grave sangría demográfica.

Moitas gracias.

Exit mobile version