Site icon Crónica3.com A Mariña

Outros 119 maiores da provincia contan coa Teleasistencia gratuíta do Goberno da Deputación

yhkgujyOutros 119 maiores de toda a provincia contan co servizo de Teleasistencia totalmente gratuíto, que puxo en marcha o Goberno da Deputación, asumindo todos os custos desta prestación con 300.000 euros. Son as persoas que se benefician das novas prazas deste servizo social, que dende setembro ofrece o organismo provincial. O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, mantiveron este luns un encontro cunha veciña de Vilalba, beneficiada dunha destas novas prazas.

As 119 altas de Teleasistencia leváronse a cabo en 42 Concellos. Estes son os seguintes: Viveiro, Ribas de Sil, O Vicedo, Ribadeo, Chantada, Sarria, Monforte de Lemos, Castro de Rei, Cervo, Trabada, A Pobra do Brollón, Guitiriz, Quiroga, Castroverde, Outeiro de Rei, Foz, Rábade, Becerreá, Pol, O Incio, Mondoñedo, Cervantes, Friol, Láncara, A Pastoriza, O Páramo, Taboada, Baleira, Barreiros, Triacastela, Negueira de Muñiz, O Saviñao, Lugo, O Valadouro, Alfoz, Cospeito, Muras, Meira, A Fonsagrada, Begonte e Baralla.

Distribución das novas prazas por zonas
Das 119 prazas de Teleasistencia, 26 están ocupadas por homes e 93 por mulleres. A súa distribución por zonas é a seguinte:

Na Mariña: concedéronse 40 prazas, 8 a homes e 32 a mulleres. Son maiores de Viveiro, O Vicedo, Ribadeo, Cervo, Trabada, Foz, Mondoñedo, Barreiros, Alfoz, Foz e O Valadouro.
Zona Centro: 28 prazas, 9 a homes e 19 mulleres. Son maiores de Begonte, Muras, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Meira, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Pol, Lugo e Rábade.
Comarca de Sarria: 11 prazas, 1 home e 10 mulleres. Son maiores de Sarria, O Incio, Láncara, Triacastela e O Páramo.
Comarca da Ulloa: 3 prazas, todas mulleres. Son maiores de Palas de Rei.
A Montaña: 7 prazas, 1 home e 6 mulleres. Son maiores de Baralla, Baleira, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Zona Sur: 30 prazas, 7 homes e 23 mulleres. Son maiores de Chantada, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Taboada.

Outras 564 prazas dispoñibles
Foi en setembro, cando o Boletín Oficial da Provincia publicou a nova ordenanza do servizo de Teleasistencia que elaborou o Goberno da Deputación. Isto permitiu abrir o prazo de solicitude de máis de 650 novas prazas totalmente gratuítas, pois o Executivo Provincial decidiu asumir todos os custos desta prestación con 300.000 euros. Quedan dispoñibles, polo tanto, outras 564 prazas. Os interesados poden descargar o modelo de solicitude en www.deputacionlugo.gal. Máis información na web ou en 982-260-138.

Gratis e para todos
O Vicepresidente destacou que a gratuidade da Teleasistencia da Deputación para os seus usuarios, así como o feito de que é unha prestación pública dirixida a todos os maiores ou persoas que sufran algún tipo de limitación en canto a súa autonomía, “son as dúas claras diferenzas coa Teleasistencia da Xunta, pois o Goberno galego obriga ao seu copago, ao tempo que limita esta prestación a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitas persoas, que necesitan este servizo”.

Máis social e profesional
O Goberno da Deputación introduciu melloras na ordenanza de Teleasistencia, ademais da súa gratuidade, facendo “un servizo máis social e profesional”. Santos Ramos explicou que “é un servizo máis social” porque por primeira vez se incluíron baremos psicosociais e psicosanitarios para a súa concesión. Por exemplo, tense en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións ou situación familiar dos demandantes. Tamén puntúa o ámbito ou condicións da vivenda, primando aos que vivan no rural, lonxe de núcleos poboacionais ou en zonas de difícil acceso. Outros dos criterios serán a idade, os ingresos, apoios familiares, saúde ou grao de discapacidade.

“É un servizo máis profesional e humano” porque son os propios traballadores sociais os encargados de valorar a necesidade das prazas para os demandantes. “A concesión non é un mero trámite administrativo. Son os profesionais os que valoren in situ, en encontros cos solicitantes, a súa situación sanitaria, social ou familiar para comprobar a súa situación real e determinar a necesitade dunha praza”, remarcou.

Preto de 1.600 prazas
Coas máis de 650 novas prazas que se puxeron en marcha, son un total de 1.555 as prazas gratis de Teleasistencia que ofrece a Deputación na provincia. Na actualidade, hai 991 lucenses de Concellos de toda a provincia que contan con este servizo.

Exit mobile version