Site icon Crónica3.com A Mariña

Política Social destina máis de 118.000 euros ao servizo de atención temperá que comparten Alfoz, Burela e Lourenzá

Lugo, 5 de decembro de 2016.- O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, comunicou este luns que a Consellería de Política Social destina 118.168 euros ao servizo de atención temperá á infancia que xestionan de forma compartida os concellos de Burela, Alfoz e Lourenzá.

A Xunta quere promover a consolidación deste servizo, que se dirixe á poboación infantil de 0 a 6 anos que presenta trastornos no desenvolvemento ou está en risco de padecelos así como á súa familia e ao seu contorno.

Deste xeito, sinalou o delegado, “a Xunta impulsa un servizo que favorece o axeitado desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas atendidos”, dando resposta o antes posible ás necesidades, transitorias ou permanentes, que poden ameazar a evolución cara a súa autonomía persoal e inclusión social.

A axuda da Consellería de Política Social está orientada a sufragar os gastos laborais do equipo de tratamento, que conta cunha psicóloga, unha pedagoga e unha logopeda.

O centro da Mariña está incluído na Rede galega de atención temperá e ofrece unha intervención múltiple e transversal dirixida aos nenos, ás súas familias e á comunidade.

Entre as prestacións que oferta figuran a valoración dos trastornos de desenvolvemento dos menores; intervención en desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, da autonomía e da área social e afectiva; e apoio, información, habilitación e formación da familia.

Este programa desenvólvese a través dos concellos xa que se entende que son o marco idóneo pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación.

Exit mobile version