O delegado territorial, José Manuel Balseiro, deu este mércores a coñecer os datos desta iniciativa, orientada aos concellos de poboación inferior a 10.000 habitantes. No conxunto da provincia adheríronse finalmente 48 concellos que contrataron a 179 traballadores. A Xunta “concedeu axudas a todos os concellos que a pediron e por todos os traballadores solicitados”, segundo afirmou o delegado.
O delegado explicou que a adxudicación realizouse garantindo un mínimo de dous contratos a cada concello solicitante, adxudicándose o resto en proporción inversa á poboación ata un máximo de 5 traballadores.
O obxectivo fundamental deste programa, sinalou Balseiro, “é mellorar a empregabilidade dos traballadores desempregados a través da adquisición de experiencia profesional nas zonas de menor poboación e con menos oportunidades laborais, co fin último de fixar poboación no medio rural”.
A contía da axuda que perciben os concellos equivale ao 80% dos custos salariais totais, incluída a cotización á Seguridade Social, segundo o convenio colectivo vixente.
Balseiro destacou que este programa, “ademais de ser unha ferramenta para o emprego, é tamén unha axuda ás facendas locais, que poden deste xeito incrementar o seu cadro de persoal para desenvolver obras ou servizos de interese xeral e social”.
Así, os concellos beneficiarios no global da provincia contrataron, entre outro persoal, 30 peóns para as brigadas de obras, 14 peóns forestais para a conservación de espazos naturais; 19 albaneis e peóns de albanelaría, 8 auxiliares administrativos, 7 xardineiros, 6 condutores, e conserxes, electricistas, limpadores, mecánicos ou arquitectos, ata sumar máis dunha trintena de categorías profesionais.
Cabe subliñar que o perfil profesional dos contratos era totalmente libre, á opción dos concellos en virtude das súas necesidades. Neste sentido, o delegado afirmou que “a Xunta asume que deben ser os concellos os que xestionen as axudas á súa medida e contraten ao persoal que estimen preciso, para adecuar o investimento ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local”.
O programa Aprol Rural, asegurou o delegado, “intenta ser un primeiro paso para que as persoas desempregadas adquiran experiencia profesional cara á integración no mercado de traballo; a Consellería de Economía realiza ao longo do ano diversas convocatorias de axudas tanto para mellorar a formación das persoas desempregadas como para impulsar a creación de postos de traballo”.