Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha adaptación normativa facilitará a instalación de granxas con maior seguridade xurídica e respectando a distancia a zonas habitadas

A Xunta facilitará a instalación de explotacións gandeiras no rural de acordo coa lei e sempre de xeito seguro tanto para os seus titulares como para a poboación en xeral. A Consellería do Medio Rural introducirá un cambio para clarificar a normativa vixente sobre as distancias das granxas a núcleos de poboación.

Unha nova disposición no anteproxecto de lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación aclarará, a tales efectos, o concepto de “casco urbano”. Así, este termo quedará definido como un asentamento de poboación formado por, cando menos, 10 edificacións e un mínimo de 100 habitantes. Deste xeito propíciase a posta en marcha de explotacións con seguridade xurídica para os seus promotores e para o resto dos veciños.

Trátase de clarificar esta nomenclatura para determinar con maior precisión as distancias das granxas –sobre todo de porcino– ás zonas poboadas. A norma fala de 1 quilómetro dende estas explotacións aos cascos urbanos, por contraposición ás “zonas rústicas”, pero faltaba definir con exactitude o devandito concepto, para evitar confusións na aplicación da lei.

Esta medida beneficiará aos promotores de novas explotacións á hora de solicitar a preceptiva licenza municipal e tamén aos concellos, que disporán dunha maior claridade á hora de interpretar e cumprir as normas sobre sanidade animal.

Exit mobile version