Este evento, que todos os anos inclúe actuacións diferentes, curiosas e divertidas, comezou co director, David Ballester Martínez, e os músicos Bruno Maseda da Veiga e Carmen López Diniz disfrazados de obreiros da construción para interpretar unha peza na que os percusionistas citados anteriormente tocaron con lixas. Foi o tema Sandpaper Ballet, de Leroy Anderson. A continuación a Banda de Ribadeo tocou Concerto for Triangle, de Mike Hannickel, co debutante na formación Carlos Villar Pérez como triángulo solista. Na primeira parte do concerto tamén interpretaron outras pezas, como A mis niños de 30 años, coa música de cancións popularizadas polos famosos pallasos da tele, peza para a que o director e os músicos se caracterizaron de pallasos.
A segunda parte da actuación foi máis seria, pero igual de atractiva para o público, e incluíu polkas e valses, como no concerto de Aninovo que se celebra en Viena.