Burela, 17 de xaneiro de 2017. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, anuncia que nos vindeiros días se procederá á adxudicación definitiva da obra dos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa.
O tamén tenente de alcalde quixo destacar que “era unha obra moi solicitada polos pais e polos nenos que practican fútbol nas instalacións da Marosa. Era un compromiso electoral que se fixo por este equipo de goberno, polo que se traballou moito para que poidera ser unha realidade superando os problemas técnicos que foron xurdindo así como a busca de financianción para poder facer a obra”. O concelleiro explicou que a obra será adxudicada á empresa Construcciones y Canalizaciones José Saa, que foi a que gañou o concurso público da mesma.
Fernández Rey sinalou que “a adxudicación final da obra vai facerse por un importe de 100.882,54 euros dos que 100.000 euros son financiados pola Deputación Provincial de Lugo, froito dun convenio asinado co Concello de Burela. Quero agradecer á Deputación a súa aportación para que esta obra poidera ser posible”.
O concelleiro de Deportes xa mantivo contactos con representantes da empresa concesionaria para que as obras poidan comezar na maior brevidade posible, e explicou que a intención do equipo de goberno é que estea rematada no primeiro trimestre do 2017.
Ramiro Fernández quixo mostrar a súa satisfacción “por poder dar esta noticia, xa que era un compromiso irrenunciable tanto para min como concelleiro de Deportes, como para o equipo de goberno de Burela encabezado polo alcalde, Alfredo Llano”.
O edil socialista tamén quixo anunciar novas inversións nas instalacións deportivas da Marosa nas que xa se está traballando, “demostrando así o compromiso deste equipo de goberno co deporte cun obxectivo claro que non é outro que ter as mellores instalacións deportivas para que os veciños e veciñas de Burela poidan practicar deporte coas máximas comodidades e nas mellores instalacións posibles”.