Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade de municipios da Mariña preséntase en fitur como un xeodestino de calidade

A Mariña, 17 de xaneiro de 2017. A Mancomunidade de Municipios de A Mariña estará desde mañá en Fitur (Feira Internacional de Turismo) coa súa oferta como xeodestino de calidade. O xornalista Jenaro Castro, director e presentador do programa de TVE Informe Semanal, fará a presentación da riqueza paisaxística, monumental e gastronómica da comarca o xoves pola tarde.

O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, salienta que “nesta nova edición de Fitur van participar todos os concellos da Mariña. Burela tamén leva a súa documentación e información, pero basicamente o que se pretende en Fitur é facer unha actuación conxunta dos 16 concellos, tanto os 8 do interior como os 8 do litoral”.

Llano quere “por en común como xeodestino turístico que ten gran calidade, que sexamos capaces de presentar A Mariña como un sitio onde se poida vir gozar e descubrir, un entorno que foi mantido no tempo e medioambientalmente respectable. Queremos que teña todas as oportunidades toda aquela xente que veña, que queira participar en deportes, acudir ás praias e que se estime a nosa gastronomía. Eu penso que é unha boa oportunidade agora en Fitur de facer esta propaganda, de dar valor á nosa comarca, e para iso imos presentar A Mariña o día 19 ás seis da tarde”.

O responsable da Mancomunidade conta que “este ano ademais das primeiras representacións políticas e institucionais, temos a participación do xornalista Jenaro Castro, que vai dar unha visión xeral, unha visión foránea, do que nosoutros podemos ofrecer, de darlle valor ao que é a Mancomunidade, a comarca da Mariña”.

Alfredo Llano sinala que “basicamente imos aproveitar todos os tantos que nos ofreza esta oportunidade de participar na Feira para poñer en valor a comarca. Jenaro Castro xa me dixo que ía falar de forma global dos 16 concellos, daquelo que é máis atractivo, ben concretado, pero que abarque todos aqueles intereses que nosoutros podemos ofrecer como comarca. Procuraremos tamén estar en Fitur aproveitando todo, tanto no ámbito institucional e persoal, como de oportunidades para ofrecer unha boa información da Mariña como un destino para que a xente poida vir aquí en calquera momento do ano, que se sinta a gusto, e que teña gran interese para toda a xente que queira achegarse a xunto de nós”.

O presidente da Mancomunidade manifesta que “este ano quero indicar alí que A Mariña é un lugar integrador. Aquí non facemos cousas estrañas para facer máis atractivo o turismo, senón que tentamos normalizar a situación de calquera persoa que veña por aquí, que non se atope estraño, senón que se integre no sitio onde estea pasando uns días e que se vexa como un veciño máis”.

Llano engade que “ese é o tipo de turismo que nos interesa, que sexa cada vez de maior nivel, que haxa moita máis oferta aquí que teña certa calidade, e que a xente que veña aquí lle queden moitísimas ganas de volver. Aproveitando este extraordinario escaparate que é a Feira de Fitur, imos procurar deixar A Mariña nun bo lugar, á altura que lle corresponde, e tentar a través de contactos e de información que nosoutros poidamos dar coa nosa participación, que se note para ben este ano 2017 na nosa comarca”.

Exit mobile version