Site icon Crónica3.com A Mariña

A OMIC ribadense ofrece asesoramento a aquelas persoas afectadas polas cláusulas chan, que desexen reclamar pola vía extraxudicial

120117 Foto clausulas chan 2 Ribadeo, 12 de xaneiro de 2017. A Oficina Municipal de Información ao Consumidor ofrece asesoramento a aquelas persoas afectadas polas denominadas cláusulas chan, que desexen reclamar pola vía extraxudicial. Así o deron a coñecer o concelleiro de Consumo, Farruco Graña, e o alcalde, Fernando Suárez, que animan á xente a informarse sobre as condicións nas que subscribiron as súas hipotecas e a reclamar en caso de que sexa necesario.

O edil de Consumo dixo que “ao longo de moitos anos moitas persoas acolléronse ao financiamento da compra dun ben inmoble mediante a constitución dunha hipoteca. Ben fora de xeito explícito, ou sen o aclarar debidamente, adoitaban ter unha cláusula chan que garantía que, aínda que o prezo do diñeiro fora inferior, nunca os xuros baixarían dese mínimo estipulado pola entidade bancaria. En 2013 a Sala Primeira do Tribunal Supremo, en pleno xurisdicional, fixou doutrina sobre a validez e a posibilidade de control xudicial do carácter abusivo de las cláusulas chan, incorporadas a contratos bancarios de préstamo a consumidores con garantía hipotecaria e a xuro variable celebrados con consumidores e usuarios”.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá no salón de Plenos do Concello Graña lembrou que “naquel momento, houbo entidades bancarias que, por propia iniciativa procederon a anular as cláusulas chan, pero outras non. Con todo, esa eliminación só se fixo con efectos desde o 9 de maio de 2013, sen entrar no fondo da cuestión, o feito de seren abusivas as cláusulas chan e por tanto, nulas de pleno dereito, aspecto recollido agora pola sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea”.

O concelleiro nacionalista sinalou que “agora, tras o fallo de dito tribunal europeo, as cláusulas chan son consideradas nulas de pleno dereito e as entidades bancarias están obrigadas a devolveren ata o último céntimo cobrado de máis en cada hipoteca asinada con tales condicións. E como probablemente non o vaian facer sen máis, convén que cada persoa afectada presente a oportuna reclamación. Poderá facelo por vía extraxudicial, para o cal pode dirixirse as correspondentes Oficinas Municipais de Información ao Consumidor, ou ao Instituto Galego de Consumo, para asesorarse; ou tamén podería facelo pola vía xudicial clásica. Desde os Concellos, desde as súas OMIC, ou desde o Instituto Galego de Consumo, informarémolos da vía extraxudicial e os pasos a seguir. En todo caso, o vínculo para lograr o modelo de formulario de reclamación é o que segue”:

http://consumo.xunta.gal/sites/default/files/public/page/doc/1482838929_modelo_reclamacion_ante_o_servizo_de_atencion_ao_cliente_en_relacion_coa_clausula_chan_gall.pdf

Farruco Graña indicou que “despois destes anos de anulación das cláusulas chan, con máis ou menos celeridade, ou no seu caso cunha clara negativa á anulación das mesmas, agora podémonos atopar ante situacións como as que seguen: persoas que non reclamaron nunca; persoas que reclamaron, lle anularon a cláusula chan e lle devolveron o diñeiro cobrado de máis entre o 9 de maio de 2013 e o momento en que lle anularan a cláusula chan; persoas ás que xa lle devolveu a entidade bancaria por propia iniciativa o importe desde o 9 de maio de 2013 ata o momento en que lle anularon dita cláusula chan; persoas que están á espera de sentenza do seu proceso de reclamación por vía xudicial; e persoas que xa remataron de pagar a hipoteca e que, ou ben non lle anularon a cláusula chan, ou lla anularon, pero non con efectos retroactivos á sentenza do Tribunal Supremo”.

O concelleiro de Consumo subliñou que “en todos estes casos pódese emprender a reclamación por vía extraxudicial. O feito de iniciar este procedemento non impide que, máis adiante, se poida comezar a vía xudicial clásica. Unha cousa non é incompatible coa outra. Desde a Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Ribadeo queremos poñer a disposición das veciñas e veciños afectados por este problema os nosos medios para facilitarlles o labor e asesoralos ao respecto”.

O rexedor manifestou que “o único que nos levou a isto foi este debate que está rúa e que estamos a evidenciar en Ribadeo. Hai unha situación dunha nulidade de pleno dereito, dito así pola xustiza europea, e é inxusto que quen ten que cumprilo non deu o brazo a torcer e dalgunha maneira ten certa pasividade ou certa inactividade. Esa vía que está levando a banca non é de recibo. Estou vendo que isto era o mesmo que nas preferentes, son situacións diferentes, pero primeiro non o recoñecían, despois habería que ir caso por caso e despois coa presión social resolveuse”.

Suárez Barcia indicou que “nós desde o Concello non temos unha oficina xurídica, pero queremos aportar o noso gran de area a través da vía extraxudicial. É dicir, a vía xudicial sempre está aberta para todos os que non de boa gana o banco lles devolva o importe total, íntegro desde o inicio do que é a cláusula chan. Sempre ten a vía xudicial aberta, pero nós ofrecemos o asesoramento a través da vía extraxudicial, que ben pode ser a través da OMIC, ben a través do Instituto Galego de Consumo da Xunta ou ben pola conta e risco do particular que así o queira levar adiante”.

O alcalde contou que “no día de hoxe vin na correspondencia de entrada que xa había tres reclamacións presentadas. E isto é o que nos leva a facer esta rolda de prensa para avisar á cidadanía de que aquí dispoñemos dos formularios, dos modelos que poden empregar para traballar de base, sen prexuízo de que os melloren ou de que os modifiquen. E insistindo en que esta é unha vía extraxudicial, que logo se o seu banco non lle fai caso sempre teñen aberta a vía xudicial. Vaia tamén por diante a crítica ao sistema bancario, sobre todo a aquel sistema que non se da por aludido e isto non é así porque a xustiza é para cumprila todo o mundo, incluso cando veñen mal dadas como é o caso para a banca e en beneficio dos consumidores”.

Exit mobile version