Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Galicia investiu máis de 100 millóns de euros ás políticas sociais desenvolvidas na provincia de Lugo ao longo do 2016

130117 RP Política SocialLugo, 13 de xaneiro de 2017.- A Xunta de Galicia destinou máis de 100 millóns de euros ás políticas sociais desenvolvidas na provincia de Lugo durante o pasado ano, en concreto en recursos para persoas en situación de dependencia, prestacións asistenciais e de inclusión social, apoio á familia e á infancia e dinamización demográfica.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, fixo balance dos investimentos realizados no último exercicio e subliñou que “o firme compromiso da Xunta coa provincia de Lugo tradúcese tamén nunha aposta decidida por mellorar a calidade de vida daqueles que se atopan en situación máis vulnerable”.

Neste sentido, destacou que “só para os servizos de atención ás persoas en situación de dependencia a Xunta de Galicia inxecta máis de 51millóns de euros”.

Igualmente, afirmou, “destínanse máis de 38 millóns de euros ás distintas prestacións asistenciais para as persoas que máis as necesitan, a través do RISGA, das axudas de inclusión social e das pensións non contributivas”.

O delegado explicou que a Xunta reforzou a colaboración cos concellos “como porta de entrada das demandas da cidadanía en materia de políticas e apoios sociais”, con actuacións como o plan concertado para financiar a contratación de traballadoras e traballadores dos servizos sociais locais.

Polo que respecta á atención á infancia, matizou que ademais das prazas públicas que ofrecen as escolas infantís da Xunta, existen outros recursos para axudar ás familias economicamente e facilitar a conciliación, como o Bono Concilia e o Bono Coidado. Así mesmo, a Xunta colabora co sostemento dos puntos de atención á primeira infancia dos concellos (os PAIS). O Investimento neste apartado supera os 4 millóns de euros.

Balseiro incidiu no esforzo orzamentario que realizou o Goberno da Xunta en materia de servizos sociais durante os últimos anos “que permitiu incrementar os recursos e ferramentas ata ter unha capacidade de acción considerable”, se ben insistiu en que “mentres haxa persoas con necesidades por cubrir, haberá traballo por facer”.

Nesta liña, engadiu, “a Xunta é a administración con maior sensibilidade social da provincia, e cremos que é unha obriga de calquera administración responsable tratar de dar resposta ás necesidades que presentan as persoas que son máis vulnerables e que máis precisan do noso apoio”.

Exit mobile version