Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de goberno está a conceder licencias de primeira ocupación a varios inmobles que hai anos tiveron problemas urbanísticos co Concello ribadense

Ribadeo, 18 de xaneiro de 2017. A xunta de goberno está a conceder licencias de primeira ocupación a varios inmobles que hai anos tiveron problemas urbanísticos co Concello ribadense, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor contou que “no Concello nestas últimas xuntas de goberno estanse outorgando unha serie de autorizacións para a legalización de obras de adecuación en interiores de locais e baixos cuberta, correspondentes a varios dos edificios dos que hai tempo tiveron problemas urbanísticos co Concello de Ribadeo”.

Fernando Suárez lembrou que “me estou remontando a hai practicamente dez anos, daquela o Concello deu unha serie de licencias para facer unha serie de posibilidades que a lei permitía naquel momento, o Concello concedeu correctamente as licencias de obra, e daquela os promotores dos edificios foron os que non se axustaron ao que o Concello outorgara. Houbo que facer unha serie de actuacións, de reposición da legalidade, de sancións urbanísticas e económicas nas que uns foron pagando e outros non. O Concello foi a través das vías executivas e nalgúns dos casos chegando á vía de embargo”.

O alcalde manifestou que “a día de hoxe a través da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e tamén nas vixentes leis da Xunta que permite darlle un tratamento de normalidade a esta situación, e permiten legalizala. O vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, que leva en vigor un ano e pico, contempla a posibilidade de que isto se poida legalizar, polo tanto agora nalgúns casos os promotores e noutros as comunidades de propietarios están exercendo este dereito que teñen de normalizar esta situación”.

Suárez Barcia asegurou: “entendemos que se adapta perfectamente a dereito e á lexislación vixente tal e como indican os xuristas do Concello, o secretario e o arquitecto. Tamén evacuamos unha consulta formal ao asesoramento xurídico da Deputación que confirma estes extremos”.

O alcalde subliñou que “agora vaise dar unha normalidade á situación de familias e de veciños que igual estaban soportando unha actuación irregular dos seus promotores no pasado. Agora unha vez que se vaian adaptando á legalidade, conforme á lexislación vixente, deberán solicitar as correspondentes licencias de primeira ocupación coas que poderán deixar de ter luz e auga de obra, e pasarán a tributar como o resto dos usuarios polos servizos de auga e de saneamento domiciliario, e de recollida de lixo”.

Para Fernando Suárez “agora fíxose o que había que facer segundo a legalidade vixente”.

Exit mobile version