Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investiu máis de 112.000 euros en oito concellos da Mariña para mellorar a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos

Lugo, 19 de xaneiro de 2017.- A Xunta de Galicia destinou un investimento de 112.235 euros a oito concellos da comarca da Mariña que executaron traballos de accesibilidade e sinalización dos seus recursos turísticos no medio rural.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo referencia a este dato hoxe na Feira Internacional do Turismo (Fitur) no marco da presentación dos recursos da comarca que organizou a Mancomunidade de Municipios da Mariña, que contou tamén coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O delegado subliñou a necesidade de “facilitar aos visitantes o coñecemento e o acceso a todos os elementos que conforman o noso rico patrimonio natural e cultural”. Así, engadiu, Turismo de Galicia achega as ferramentas “para que os concellos poidan mellorar as súas infraestruturas turísticas e modernizar as canles de comunicación da súa oferta, utilizando a tecnoloxía para adaptarse aos requirimentos do mercado actual”.

De feito, explicou, entre os proxectos subvencionados figuran o desenvolvemento de aplicacións informáticas para dispositivos móbiles enfocadas ao turismo, a sinalización física de rutas, miradoiros e outros elementos de interese así como melloras nos accesos a estes puntos.

O obxectivo principal destes apoios autonómicos é dotar ao medio rural das infraestruturas e sinalización adecuadas para que sexa un recurso turístico accesible para todos. Balseiro puxo de manifesto o esforzo na mellora da accesibilidade “precisamente nunha feira que se desenvolve este ano baixo o paradigma da sostibilidade e a accesibilidade do turismo”.

O delegado tamén se referiu á colaboración coa Mancomunidade de Municipios da Mariña para o desenvolvemento de plans de turismo para o xeodestino. Ao respecto, sinalou que nos primeiros once meses do pasado ano medrou o número de viaxeiros ata alcanzar as 142.530 personas e tamén se incrementaron as pernoctacións nun 1,5%.

“A Mariña -concluíu- non ofrece só turismo de praia, senón que tamén debemos dar visibilidade a outros espazos e elementos de interese, o que permite potenciar a oferta turística, que será máis completa e axudará nos obxectivos de desestacionalizar o turismo e incrementar a cifra de visitantes”.

Exit mobile version