Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano reúnese este xoves en Santiago coa conselleira de mar para abordar a organización da feira monográfica náutico pesqueira Expomar

Burela, 24 de xaneiro de 2017. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, reunirase este xoves, día 26, coa conselleira de Mar para falar da organización da Feira Monográfica Náutico Expomar, que terá lugar do 25 ao 28 de maio.

Llano contou que “este ano corresponde realizar a feira de Expomar, e como temos a exposición é algo que hai que ir organizando, de feito xa se está traballando nisto, polo que temos programada unha cita o xoves coa conselleira de Mar e a directora xeral do Mar, que agora é de aquí da zona”.

O presidente da Fundación Expomar explicou que “neste encontro queremos falar de programar qué tipo de feira imos organizar este ano, cómo imos facelo, e que teñan unha información da Xerencia de Expomar para que vaian sabendo o noso propósito, que é facer unha feira acorde co interese que debe ter”.
Alfredo Llano subliñou que “é unha das feiras máis importantes que se celebran agora en toda España, e polo tanto imos seguir dándolle esa dimensión e esa importancia”.

O tamén alcalde burelés relatou que “imos falar tamén dos investimentos e das axudas, e de todo aquilo que favoreza que esta feira se poida realizar. Tamén imos mirar onde facer as presentacións. Eu calculo que faremos unha en Santiago, pero tamén na provincia sería interesante, estamos pensando nun lugar claramente favorable para que se coñeza e se poida aportar a todos os interesados a información que precisen. Buscaremos un lugar idóneo para presentar Expomar”.

Llano engadiu que “estamos xa organizando, preparando e traballando na nova edición de Expomar, que será a XVII, e que terá lugar na penúltima semana do mes de maio. Imos procurar facelo con todo o rigor e ter todo preparado para que sexa un éxito. Esperamos que sexa así esta nova edición”.

Exit mobile version