Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou en Burela un curso para a acreditación de uso dos desfibriladores que o concello ten repartidos en diferentes dependencias municipais

Burela, 24 de xaneiro de 2017. Este martes comezou a impartirse un curso para a acreditación de uso dos desfibriladores que o Concello ten repartidos por diferentes dependencias municipais. O obxectivo, segundo a Concellería de Deportes, “é cumprir coa normativa vixente nesta materia”.

O concelleiro Ramiro Fernández explicou que “hai tempo que se detectou que o material dos desfibriladores do Concello de Burela estaba caducado, nalgún caso dende o ano 2012. E automaticamente nos puxemos con este asunto e a día de hoxe todos os desfibriladores que ten o Concello en distintos edificios municipais están totalmente renovados e dados de alta no 061, xa que nunca se deron de alta, tal e como marca a normativa”.

O edil socialista dixo que “tamén detectamos que había xente que estaba a traballar todos os días nestas instalacións e que non tiñan as acreditacións necesarias para usar estes aparatos, e no día de hoxe comezou o curso para solucionar esta situación. No curso participa persoal municipal, e ampliouse esa formación a clubes deportivos de Burela para que todos teñan persoas formadas para actuar cando sexa preciso con estes aparatos”.

O tamén tenente alcalde informou que “este curso non se vai limitar a xente que non posuía a formación inicial para o uso dos desfibriladores, senón que tamén se vai dar unha formación de refresco, que é obrigatoria por lei, a outros traballadores do Concello que tiñan a formación inicial, pero non o refresco bianual, que tamén marca a lei neste aspecto”.

O concelleiro de Deportes quixo facer fincapé na importancia destas accións emprendidas polo equipo de goberno “xa que son aparatos que poden salvar vidas e todos os recursos que haxa que poñer por parte do Concello en temas de saúde para salvar unha vida van ser prioritarios para este equipo de goberno”.
Na impartición do curso participou persoal do 061, que son os responsables nesta materia na comunidade galega.

Exit mobile version