Site icon Crónica3.com A Mariña

Con pólvora e magnolias: A Caixa de Pandora

A Caixa de Pandora é un icono da mitoloxía grega; conta a lenda que Zeus, no seu desexo de vinganza contra Prometeo por terlle roubado o lume e dárllelo ós humanos, presentou ó irmán deste, Epimeteo, a unha muller chamada Pandora, coa que casou. Pandora recibiu un misterioso recipiente coa instrución expresa de non abrilo nunca, baixo ningunha circunstancia.

Dotada polos deuses dun gran sentido da curiosidade Pandora deu apertura á Caixa e do seu interior escaparon todos os males do mundo; cando foi capaz de pechala só quedaba Elpis –o espírito da esperanza-: só nos queda a esperanza, dixo Pandora.

Tan lonxe é ó mesmo tempo tan preto, século XXI e no noso país o deus estado decidiu darlle o control das caixas de aforros a uns fulanos metade políticos e a outra metade e un cuarto trileiros. Pandora nesta ocasión estaba representada nun avogado coruñés, Pablo Arangüena, que en outubro de 2011 presentou unha denuncia contra os directivos da fusionada Nova Galicia Banco. E de súpeto saíron todos os males do mundo.

A denuncia caeu no xulgado de Instrucción nº 2 de A Coruña que traslada a causa a Audiencia Nacional. Arangüena prende o motor da maquinaria xudicial con un solo lei motiv: o anoxo de quen presenciaba o espectáculo obsceno das indemnizacións millonarias.

O resto é historia: un rescate bancario de Nova Caixa Galica que nos saíu do peto por importe de case 9.000 millóns de euros e a posterior adquisición, previa subasta pública polo monto de 1.003. Xa se sabe, nos negocios pérdese moitas máis veces da que se gaña.

Só nos queda a esperanza, dixo Pandora, os males do mundo xa fuxiran e con eles os cartos do contribuínte. E, namentres, o proceso penal contra os millonarios directivos seguía o seu cauce.
A Audiencia Nacional pronunciouse e impuxo unha pena de dous anos de prisión ós cabaleiros Gorriarán, Fernández Gayoso, Pego e Rodríguez. Os tipos delictivos: administración desleal e apropiación indebida. Os feitos probados: os directivos cobraron, conxuntamente, indemnizacións por importe de 18,9 millóns de euros e deberán devolver 10 millóns segundo o Supremo.

Como ben sabe o querido lector o pasado luns a sección terceira da Audiencia Nacional rexeitou a suspensión da condena que habitualmente se concede para penas iguales ou inferiores a dous anos por atender á especial gravidade dos feitos. Os “fulanos” deberán ingresar en prisión.

Din por aí que os condenados amosaron un gran arrepentimento e moito medo a acabar no cárcere, non obstante aínda non devolveron nin a metade do que “fanaron” vía embargos ou por devolución efectiva.
Na rúa a xente onte berraba pola venda masiva das participación preferentes e demais produtos complexos, hoxe fan o propio pola nulidade das cláusulas solo. Todos os demos do mundo fuxiron e a Pandora só lle queda hoxe a esperanza: a de que algún día este sexa un país no que custe menos saír da pobreza que do cárcere.

Exit mobile version