Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega reitera que o goberno galego xa ten previsto investir este ano 180.000 euros no dragado do porto de Foz, aos que se sumarán outros 400.000 no futuro

Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega reiterou hoxe que o Goberno galego xa ten previsto un investimento de 180.000 euros para o dragado do porto de Foz durante o presente ano. “Esta partida incrementarase no futuro noutros 400.000 euros, segundo teñen avanzado desde o propio Goberno galego ao alcalde focense”, apuntou.

Daniel Vega concretou que a actuación no porto de Foz estase a tramitar coa aprobación dos informes correspondentes, tanto de Costas como de Medio Ambiente.

EMENDA AOS ORZAMENTOS

“O Goberno galego ten garantido o investimento no porto de Foz, tal e como xa coñece o propio alcalde e as entidades directamente afectadas, como a confraría, o náutico ou as asociacións de ribeira, que están informadas ao día da tramitación administrativa que se leva a cabo”, dixo.

Neste sentido, o deputado popular recordou que para o financiamento das obras destinaranse este ano 180.000 euros, logo de que unha emenda do Grupo Popular aos orzamentos da Xunta para 2017 incremente a partida de 50.000 euros prevista inicialmente.

ACTUACIÓNS NO PORTO

Vega criticou “o descoñecemento absoluto que demostra En Marea da realidade de Fozo e do investimento realizado no porto nos últimos anos”. Así, contrastou “a falta de investimento nos 16 anos de goberno bipartito fronte aos últimos cinco anos nos que Portos de Galicia leva investidos cerca de un millón de euros, conseguindo dragar a dársena despois de 35 anos”.

En concreto, o deputado popular sinalou que se investiron 350.000 euros nun dragado da canle e outros 75.000 nunha actuación urxente no porto; 250.000 para o arranxo da lonxa; 75.000 para a construción da pasarela de madeira; ou a reconstrución do paseo de Laredo para recuperalo dos danos provocados polos temporais, por un importe próximo aos 400.000 euros.

“Todo isto a maiores doutras obras menores, como o arranxo do Portochico, a construción de beirarrúas ou a colocación de barandas a continuación da pasarela, así como os 15.000 euros que se gastaron na reparación dos pantaláns de Portochico para dotalos de luz e auga”, engadiu

Exit mobile version