Site icon Crónica3.com A Mariña

Do Foz de onte : O Chicharrón

Os anos 40 do século pasado foron significativos para o mundo do mar. Nos tempos de tódalas fames, a aparición do chicharrón víu a dar un novo pulo á actividade pesqueira. A abundancia foi tal que chegou a utilizarse como abono das terras, polo baixo prezo ; pero, así e todo,foi fartura para os estómagos escuálidos e utópica esperanza para os petos valeiros. Tal sensación de abundancia fixo que no ano 1946- hai 70 anos- os conserveiros , para celebralo,organizasen na sala “La Sociedad”, de X.Cageao,”Papaíto”, o “baile da escama”, que tivo a réplica no“do oio”, no salón de de Cao, promovido polos mariñeiros.Éste, amenizado pola Orquestra Sycora Boys de Grado, foi de tal éxito, que se recordou durante moitos anos.
Cando nun punto determinado do mar se xunta moito peixe, e xira en remuiño a grande velocidade para acadar a bicada, dise que é un “oio”; ás veces e tal a cantidade, que chegan a matarse uns contra outros.
A costeira fora moi importante para as misérrimas economías das xentes. Por iso a seguían con interese, dende que as lanchas partían do peirao ata que voltaban a él. E polas noites, a través dos “chuzos” (candís alimentados con carburo ou “saín”, que é graxa do peixe) seguían dende terra a súa evolución, para o que se situaban en lugares altos e observar os movementos a bordo: cando se encendían os “chuzos” sabíase que pescaban, pois a luz dos mesmoss alumeaban a faena de largar e recoller o aparello. .Cando tal se producía os espectadores desde terra manifestaban de forma ostensible a súa ledicia.
A abundancia era tal que había lanchas dedicadas ó “carrexo”; é decir que as cargaban as que pescaban , e a función delas consistía en carrexar o peixe para o peirao, partíndo ao 50% para cada unha, do importe da venda do peixe carrexado. A descarga facía que unha pequena parte caera ó mar entre as embarcacións e o muelle; os rapaces,esquieiros, ganchos e outros artiluxos, recuperaban as unidades que podían e vendíanas; e por estas datas mercaban anacos de turrón, que vendían a unha peseta, no bar Lisboa, na praza Condes de Fontao .
Os tempos do Chicharrón quedaron na memoria popular, como símbolo da pobreza e de tódalas carencias dos malfadados tempos da posguerra civil.

Exit mobile version