Site icon Crónica3.com A Mariña

Empezaron as obras para a mellora da accesibilidade en San Cibrao

130117 OBRAS DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE EN SAN CIPRIÁNCervo, 13 de xaneiro de 2017. Comezaron as obras de mellora da accesibilidade en San Ciprián. A primeira fase destes traballos, cun investimento de 92.000 euros financiados pola Xunta, desenvolveranse desde o parque Reina Sofía ata a zona da praia do Torno.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “empezaron os traballos de accesibilidade que estamos a facer no centro urbano de San Ciprián. O custe é dun total de 92.080 euros, financiados pola Xunta de Galicia”.

Villares explicou: “para nós é fundamental que as rúas dos nosos pobos, das nosas zonas urbanas, neste caso empezamos en San Ciprián, sexan accesibles para todas as persoas, especialmente para aquelas que teñen problemas de mobilidade por algún tipo de enfermidade ou pola idade. Son cuestións que a sociedade ten que ter cada vez máis en conta e desde o Concello de Cervo así o estamos a facer”.
O rexedor municipal engadiu que “estes primeiros traballos vanse desenvolver desde o parque Reina Sofía ata a zona da praia do Torno. Vaise mellorar a accesibilidade cara á Casa da Cultura, á Praza dos Campos, ao parque Reina Sofía e á praza da Casa da Cultura, a antiga plazoleta. Son traballos que van todos na liña de cambiar os pasos elevados que temos neste momento por outro tipo de chan, sobre todo para mellorar que as persoas que circulan por San Ciprián con algún problema de mobilidade poidan facelo de xeito máis sinxelo que na actualidade. Tamén se vai actuar con distintas barreiras urbanísticas que poida haber: algún bordillo que estea máis alto do posible, escalóns, algún paseo de peóns que igual non está cumprindo as normas de accesibilidade. Vaise actuar ademais para mellorar a comunicación e a sinalización neste tramo onde imos traballar e con algunha barreira que poida provocar o mobiliario urbano ou algún equipamento público, ben sexan algunhas farolas, vexetación natural ou bancos; cambiaranse de sitio para ir no camiño de mellorar a accesibilidade das persoas que transitan polo noso concello”.

Alfonso Villares salienta que “o noso obxectivo é facer uns pobos e unhas vilas moito máis humanizadas; é o que estamos a desenvolver durante estes días, neste caso en San Ciprián nunha primeira fase. Despois seguiremos buscando fondos e financiamento para estender esa humanización a todo o conxunto de San Ciprián e tamén ás demais zonas urbanas que temos no noso concello: o núcleo de Cervo e a urbanización de Río Covo”.

Exit mobile version