Site icon Crónica3.com A Mariña

Feijóo refírese á vap Celeiro-San Cibrao como fundamental para a vertebración e competitividade da Mariña e asume o compromiso de presentar un novo trazado para a variante de Viveiro

Viveiro, 10 de xaneiro de 2017.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á posta en servizo da vía de altas prestación Celeiro-San Cibrao como unha oportunidade para transformar a comarca, converténdoa nun lugar mellor para vivir e para traballar. “Estamos a falar dunha vía que supón un importante factor de competitividade para esta comarca e para os seus principais motores económicos”, dixo, subliñando que esta estrada chega para mellorar as comunicacións do porto de Celeiro, un dos máis importantes peiraos pesqueiros da cornixa cantábrica, e do porto de San Cibrao.

Así mesmo, destacou a incidencia positiva que supón para o principal polo industrial da comarca, que é a factoría de Alcoa, no concello de Cervo.

Cun investimento de 50 millóns de euros, Feijóo afirmou que se trata dunha infraestrutura necesaria, agardada e fundamental para a vertebración e a competitividade da Mariña lucense, incidindo en que os condutores que cada día percorren a distancia entre Celeiro e San Cibrao, entre os concellos de Viveiro e Cervo, disporán dunha alternativa máis segura, máis cómoda e máis rápida para facelo.

Nesta mesma liña subliñou que as rúas do municipio de Xove, polas que viñan pasando cada ano ata 200.000 camións, quedarán despexadas para poder destinarse a unha vida urbana completa e segura, incrementando a calidade de vida dos seus habitantes.

Logo de destacar a complexidade do trazado: 8 quilómetros con 5 viadutos, 3 pasos inferiores, un paso superior e 3 enlaces, o responsable autonómico garantiu o compromiso do Goberno galego para seguir vertebrando o país.

Un novo trazado para executar a variante de Viveiro
“Seguimos convencidos de que paga a pena traballar e destinar recursos para mellorar a seguridade viaria, a calidade de vida e as oportunidades de progreso dos veciños da Mariña”, aseverou, garantindo ademais o compromiso de defender os intereses da comarca ante a Administración central, a quen lle corresponde a conectividade desta VAP ata Ribadeo.

Feijóo concluíu asumindo o compromiso de presentar un novo trazado para executar a variante de Viveiro: “Un trazado que represente para todos unha solución, que permita acabar, por fin, cos atascos de Viveiro e que facilite as comunicacións viarias ao longo de toda esta franxa costeira”.

Exit mobile version