Site icon Crónica3.com A Mariña

Galipizza Viveiro 42-29 UB Lavadores B (8ª Xornada da 2ª Autonómica)

Viveiro 16-1-17. O Balonmán Galipizza Viveiro entrou no novo ano con bo pé. Os pupilos de Javi Villares lograron esquecer a derrota en Moaña coa que pecharan o 2016 superando o pasado sábado ao Lavadores con claridade (42-29) e volvendo desta forma a postos de ascenso. Os vigueses chegaran a Viveiro segundos, cun punto máis que os da Mariña e sen coñecer aínda o sabor da derrota.

O encontro foi moi nivelado durante un primeiro tempo no que ningún equipo dispuxo dunha renda superior aos dous tantos. Os visitantes conseguían anotar de forma relativamente cómoda, diante dunha defensa local que concedía demasiados lanzamentos sen oposición e que non soubo ler o xogo dos vigueses durante estes primeiros 30 minutos. Pese aos 16 goles encaixados, a fluidez en ataque permitíalle aos de Javi Villares chegar por diante ao intervalo: 17-16.

Cambiou o decorado tralo regreso dos vestiarios. Os da cidade do Landro saíron moi metidos e un parcial de 3-0 poñíaos coa maior vantaxe que se dera en todo o partido: 20-16. Porén, os de Lavadores non se viñeron abaixo e conseguiron reducir distancias, pero, superado o minuto 40, a vantaxe local estancouse nos catro goles.

O último arreón local xa foi demasiado para os de Vigo. O bloque defensivo azul subiu un punto a súa intensidade e comezaron a aparecer as perdas de balón olívicas que remataban en contragolpes locais. Cando os mariñaos subiron a distancia a 7 goles, con menos de 10 minutos por xogarse, os visitantes baixaron por completo os brazos. Todo o contrario fixeron os locais, que seguiron comportándose como un martelo pilón ata o minuto 60. Isto provocou un enganoso resultado final de 42-29, unha diferenza de 13 goles que pode ser moi importante no final de Liga.

Tras este triunfo que enche de moral aos de Javi Villares, a próxima semana tocaralles visitar outra das canchas máis difíciles da categoría, a do filial do Bueu, que conta todos os seus partidos por vitorias. Os do Morrazo están por detrás dos viveireses porque teñen pendente de xogar un encontro co Ferrolterra. No encontro de Copa, o Galipizza Viveiro impuxerase nun partido moi igualado: 36-33.

BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (42): Emilio e Peña; Jose Labaén (3), Carlos (4), Javi Villares (5), Fede (4), David Villares (1), Turbo (9), Mariño, Andrés (2), Diego, David Rodríguez (1), Sanjurjo (2), Jacobo e Aitor (11).

Exclusións: David (2).

UB LAVADORES B (29): Pablo e Adán; Beiro (1), Pablo López (1), Villasenín (7), Deilán (8), Requejo, Rial (1), Serio (2), Rodrigo (3), Alfredo (2), Cristóbal (1), Parada (2) e Rubén (1).

Exclusións: Requejo, Sergio e Cristóbal.

Árbitras: Cristina Olleros y Anabel Olleros.

Incidencias: Partido disputado no pavillón Municipal de Viveiro na tarde do 14 de xaneiro.

Exit mobile version