Site icon Crónica3.com A Mariña

Javier Castiñeira entregou esta mañá as chaves do local que o concello habilitou para a asociación focense de loita contra o cancro

180117ENTREGA LOCAL ASOC. CONTRA O CANCROFoz, 18 de xaneiro de 2017. O alcalde, Javier Castiñeira, entregou esta mañá as chaves do local que o Concello habilitou para a asociación focense de loita contra o cancro. Está situado no centro social, ocupa unha superficie duns 30 metros cadrados e nas súas paredes pódese ler a seguinte mensaxe: o éxito é a suma de pequenos esforzos que se repiten cada día. O rexedor asegurou que se trata dun acto moi importante e subliñou o traballo que está a realizar este colectivo.

O alcalde, Javier Castiñeira, contou que “no día de hoxe tivemos un acto moi importante para o noso Concello, sobre todo no ámbito social, que é a entrega das chaves do novo local da asociación de loita contra o cancro de Foz. Esta é unha asociación moi activa sempre no noso concello, ben coñecida, e que nos últimos meses tivo un cambio de directiva que parece que trae unha ilusión moi importante”.

O rexedor focense lembrou que “nunha reunión que tivemos entre eles e o alcalde hai uns meses había unhas carencias en Foz, entre elas a de non ter un sitio de reunión onde poder falar, e incluso recibir a moitos enfermos e familiares que van en busca de consellos de toda aquela xente que pasou a enfermidade, e que é unha parte da terapia”.

Castiñeira comentou que “foi unha proposta que se fixo e puxémonos a elo. O centro social tiña un aula de informática que estaba en desuso, dividiuse en dous locais, nun deles hai unha almacenaxe de alimentos e o outro dotouse para a asociación contra o cancro”.

O alcalde explicou que “ten uns trinta metros cadrados e está perfectamente acondicionado, conta incluso con vistas ao mar e é un local moi cálido, dotámolo cunha decoración adaptada especificamente para tratar de motivar que sexa un sitio alegre e de reunión”.

Javier Castiñeira asegurou sentirse “moi contento e queremos seguir agradecendo o traballo da asociación por continuar loitando contra unha das lacras, que é a enfermidade do cancro, que desgraciadamente no noso concello ten unha presenza tamén moi alta”.

O rexedor dixo que “na Mariña fixéronse grandes avances neste senso coa creación da Unidade de Oncoloxía no Hospital da Costa de Burela, no que se está tamén a ampliar o servizo de enfermería. Aquí en Foz había unha carencia a nivel local e súplese deste xeito. Esperemos que ese local sexa un punto de reunión e alegría para moita xente no que a asociación contra o cancro poida seguir coa loita contra a enfermidade do cancro”.

Pola súa banda a delegada local en Foz da AECC, Antonia García Frá, quixo “agradecer o esforzo feito polo señor alcalde e o seu equipo de goberno para que a delegación local de Foz da asociación española de loita contra o cancro dispoña dun local no que poida prestar axuda aos veciños e familiares que sofren a enfermidade do cancro”.

Antonia García Frá salientou que “Foz é pioneiro na Mariña poñendo a disposición da asociación española contra o cancro un local para o desenrolo da súa actividade”.

Exit mobile version