Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde e a concelleira de turismo de Ribadeo presentáronlle o Ribadeo Indiano aos embaixadores de Cuba e Arxentina

190117 Foto coa agregada cultural da Embaixada de Cuba (Natasha Díaz-Argüelles)Ribadeo, 19 de xaneiro de 2017.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, desenrolaban durante a xornada de hoxe no marco de Fitur, unha serie de encontros entre os que cabe salientar as reunións mantidas cos embaixadores de Cuba e Arxentina aos que lles presentaron o proxecto do Ribadeo Indiano.

A edil nacionalista explicaba esta tarde que “durante todo o día, xunto co alcalde e a técnica de turismo, estivemos traballando en diferentes actividades. A primeira hora reuniámonos co embaixador de Cuba no stand, e pola tarde estivemos na embaixada cubana onde nos recibiu a agregada cultural para presentar ao igual que ao embaixador, ese proxecto do Ribadeo Indiano, que este ano está na súa cuarta edición”.

A responsable de Turismo pensa que “podemos esperar proxectos interesantes que nos vinculan con Cuba onde parte da nosa xente emigrou a primeiros do século XX, e que precisamente nos dá lugar a participar nese Ribadeo Indiano”.

Ana Martínez detallaba que “ademais pola mañá tivemos a sorte de que o embaixador arxentino se achegou ao stand de Galicia e aquí mesmo, diante da gran foto que temos da praia das Catedrais, mantivemos unha charla o alcalde e eu con el de aproximadamente quince minutos, onde amosou un gran interese polo Ribadeo Indiano, e presentámoslle o caderno de bitácora que fixemos exclusivamente para traer ás embaixadas”.

A concelleira ribadense manifestaba que “creo que case nos deu o compromiso da súa visita e tamén da súa participación no Ribadeo Indiano 2017, incluso falamos, e el mesmo falaba da vinculación que tiña desde Arxentina, e como buscar eses lazos de unión da nosa xente que naquel momento marchou, e que volveu, como foi o caso dos irmáns Moreno ou outros moitos, que como digo dan lugar a que hoxe poidamos estar traballando e no verán celebrando ese Ribadeo Indiano xa na súa cuarta edición”.
Mañá, venres, será o momento de achegarse ata a Embaixada de Uruguai, seguindo así coa axenda de traballo a desenvolver estes días en Madrid.

Ana Martínez engadía que “tamén estamos na presentación da Mancomunidade, e seguimos traballando nas portas do stand de Galicia, ademais de visitando diferentes stands de axencias buscando que teñan ese interese por Ribadeo, que poñan nas súas rutas a Ribadeo como un punto importante para visitar, e para que cada vez veña mellor e máis turismo a Ribadeo”.
A delegación de Ribadeo tamén está a presentar o proxecto Ribadeo Eventos a diferentes touroperadores que estes días participan en Madrid na Feira Internacional de Turismo.

Exit mobile version