Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello burelés dispón de 40 composteiros para repartir entre os veciños. as persoas interesadas en participar nesta campaña de compostaxe doméstica poden anotarse na oficina de medio ambiente

Burela, 11 de xaneiro de 2017. A Delegación de Medio Ambiente do Concello pon en marcha unha campaña de compostaxe doméstica grazas á adscrición ao programa de compostaxe doméstico de Sogama. Segundo explica Noelia Mª Ben “o seu obxectivo é promover, in situ, a elaboración por parte das vivendas unifamiliares, que contan con horta e/ou xardín, dun abono natural co que substituír aos fertilizantes artificiais e cuxas propiedades nutritivas para o solo están suficientemente acreditadas”.

A edil socialista indica que “as persoas interesadas en participar neste programa de compostaxe doméstico poden dirixirse á Oficina de Medio Ambiente do Concello de Burela (situada na Praza da Mariña, nº 13, antigo edificio de Capitanía Marítima) para cumprimentar o formulario de solicitude, ou na propia Casa Consistorial. A inscrición no programa inclúe: formación específica sobre o proceso de compostaxe e entrega gratuíta dun composteiro”.

Noelia María Ben convida “a todos os veciños que dispoñan de horta ou xardín a sumarse a esta iniciativa, xa que a compostaxe doméstica ten grandes vantaxes sobre o medio ambiente, a economía e a sociedade. Non debemos esquecer que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media na bolsa de lixo”.

Exit mobile version