Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello dará a coñecer o Ribadeo Indiano nas embaixadas de Arxentina, Cuba e Uruguai en Madrid e manterá encontros con axencias e colexios profesionais en FITUR ao longo dos vindeiros días

Ribadeo, 18 de xaneiro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Turismo, Ana Martínez, desprazaranse mañá ata Fitur onde manterán encontros con xornalistas de turismo e colexios profesionais para presentar Ribadeo como sede para a celebración de congresos. Ademais serán recibidos en audiencia nas Embaixadas de Arxentina, Cuba e Uruguai ás que acudirá a presentar o Ribadeo Indiano.
Ana Martínez anunciou que “mañá mesmo desprazarémonos a Fitur o alcalde, a técnica de turismo e eu mesma como todos os anos, cunha apretada e extensa axenda de traballo. Levamos concertadas reunións con diversos axentes para diferentes fins, sempre vinculados ao desenvolvemento turístico do noso concello”.

A concelleira de Turismo explicou que “estaremos con nove axencias de incentivos, reunións e congresos así como con aproximadamente unha vintena de asociacións profesionais, nas que podemos destacar a asociación de xornalistas de turismo así como tamén a federación española de xornalistas e escritores de turismo. Se algo é importante é que se conte. Nós temos que facer as cousas ben, temos que traballar o turismo, pero despois iso hai que comunicalo, comentalo e facelo chegar ao resto do mundo, por iso eu penso que a comunicación cos xornalistas de turismo é moi importante”.

Martínez contou que “tamén manteremos reunións con diversos colexios profesionais. Isto ten o obxectivo claro de alzar a Ribadeo como sede nese turismo profesional, de congresos e de reunións. Xa vimos traballando nesto e ademais contamos cun proxecto como é o Ribadeo Eventos, que naceu xa hai algúns anos, e o que busca é involucrar a toda a hostalería e a todo o sector económico de Ribadeo, xa que se pon a disposición da organización destes eventos máis de 1.500 prazas hoteleiras, e por parte do Concello o uso gratuíto das salas municipais así como tamén axuda para organizar estes eventos, estes encontros”.

A concelleira de Turismo salientou que “todo isto ten o fin de desestacionalizar e potenciar todo o ano Ribadeo como destino turístico, ademais que nos permita reforzar aqueles períodos de menor dinamismo para xerar unha actividade socioeconómica fora de tempada estival, que creo que é unha das cousas que debemos seguir reforzando e traballando en Ribadeo”.

Ana Martínez dixo que “ademais este ano desprazámonos cunha cita moi especial que nos leva a traspasar fronteiras porque visitaremos as Embaixadas de Arxentina, Cuba e Uruguai. Estas tres embaixadas recibirannos en audiencia para presentarlles o noso proxecto histórico-cultural Ribadeo Indiano, que xa camiña cara a súa cuarta edición e que cada ano vai acadando máis e máis éxitos”.

A edil ribadense engadiu que “aproveitamos esta feira internacional porque creemos que é un punto importante para establecer eses lazos de unión con América, inicialmente cos tres países fundamentais da emigración de Ribadeo cara a América, e ademais porque durante esta feira internacional de turismo sabemos que se desprazan a Madrid os Ministros de Turismo destes países. Creemos que é o momento de facerlles chegar o concepto e o coñecemento do Ribadeo Indiano con ese fin, co de establecer vínculos de colaboración e para seguir consolidando este proxecto global. Creemos que debemos involucrar a ese turismo americano que cada vez nos visita máis e que ademais nos vai axudar a seguir consolidando ese vínculo coa cultura de ultramar, e entendemos que cada ano traerá máis xente a Ribadeo”.

Exit mobile version