Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo pon en marcha un ambicioso programa de actividades a desenvolver nos locais sociais das parroquias

Mondoñedo, 24 de xaneiro de 2017.- A Concello de Mondoñedo porá en marcha a partir do mes de marzo un programa, baixo o lema ‘Mondoñedo, un Rural Activo’, que engloba diferentes actividades que se desenvolverán no rural mindoniense como alternativa de entretemento aos veciños das diferentes parroquias da localidade.

En concreto, a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que dende a administración local “deseñamos un proxecto con cinco actividades diferentes, que se adaptan a un amplo abano de gustos” a través das cales, segundo engade a rexedora, “buscamos dinamizar as parroquias e ofrecerlles diferentes iniciativas de divertimento”.

A popular di que “dende o Concello temos moi presente o rural e queremos ofrecerlle aos nosos veciños as alternativas que merecen”. Deste xeito, entre os obradoiros que se desenvolverán atópanse entre outros, cursos de cociña e de manualidade, como é a arte floral, así como sesións de ximnasia de mantemento “pensando tamén no benestar e na saúde dos veciños do rural”.

Actividades entre marzo e outubro
Elena Candia informa de que este programa dará comezo no mes de marzo, prolongándose ata outubro, coa impartición de dúas sesións mensuais. Cada obradoiro rematará coa celebración dun magosto.

A rexedora tamén precisa que serán os propios veciños os encargados en elixir a actividade que maior interese teña para a súa parroquia entre o listado de cinco que lle ofrece o Concello.

Por último, Candia precisa que estas actividades se realizarán nas parroquias que dispoñan de local social, organizándose do seguinte xeito: Santa María Maior; Estelo e Tronceda; Lindín; O Carme; Masma, Couboeira e Viloalle; Oirán; Vilamor; Figueiras; Sasdónigas e San Vicente.

Exit mobile version