Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado territorial da Xunta supervisa as obras dos camiños de Vilaodriz, na Pontenova, realizadas mediante unha subvención do goberno galego

110116 Plan Marco A PontenovaA Pontenova (Lugo), 11 de xaneiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o municipio da Pontenova para supervisar as obras executadas ao abeiro do Plan Marco, unha subvención da Consellería de Medio Rural destinada á mellora de camiños municipais.

Neste contexto o dirixente territorial dixo tamén que son moitas as mostras do compromiso do Goberno de Galicia cos veciños e veciñas deste concello e como mostra disto indicou que nos últimos meses o Goberno galego vén de investir 400.000 euros en distintos servizos e na mellora das infraestruturas.

Mellora de camiños
En particular Balseiro referiuse ás actuacións executadas nos camiños nas parroquias de Vilaoudriz e Rececende nos que se investiron 42.658,32 e 16.925,90 respectivamente. Os traballos consistiron na mellora do firme con asfaltado por aglomerado. Os camiños están situados en zonas de concentración parcelaria, a través dos cales se ofrece un relevante apoio á infraestrutura agrogandeira e forestal da zona.

Outros apoios
O delegado tamén quixo poñer en valor o apoio que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza deu a este concello para acometer a cubrición dunha instalación deportiva ao aire libre na que investiron 34.815,03 euros. E tamén dependente deste mesmo departamento destacou a axuda de 16.208,40 euros dedicados á mellora da rede de abastecemento de auga no núcleo rural se Sanxés.

Reforzos en materia de persoal
Durante este ano a Xunta propiciou a contratación de persoal para reforzar determinados servizos ou executar obras de interese social, como os alumnos traballadores do obradoiro de emprego que executa en colaboración co concello da Fonsagrada. Salientou tamén a contratación dun socorrista, un axente de emprego e de cinco peóns, neste último caso, a través do programa Aprol Rural que puxo en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria, departamento que tamén investiu en accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas un total de 32.646 euros. Todas estes apoios buscan fomentar a mellora da empregabilidade das veciñas e veciños no concello.

Reforzos en materia de persoal
Finalmente no eido dos servizos sociais, cabe lembrar que a Consellería de Política Social destina ao concello preto de 130.000 euros para sufragar o servizo de axuda no fogar e para o Plan Concertado, que sirve de apoio á contratación do persoal encargado dos servizos sociais.

O delegado insistiu no contexto desta visita que “a Xunta está á disposición de todos os concellos e mostra deste compromiso está a colaboración para que, a través de axudas da Xunta de Galicia, todos os veciños e veciñas da Pontenova poidan gozar dos mesmos servizos e en igualdade de calidade cos do resto dos concellos de Lugo e de Galicia”.

Exit mobile version