Balseiro destacou o esforzo da Xunta “por impulsar o asociacionismo veciñal e, moi en particular, no desenvolvemento de actuacións que contribúan á mellora da calidade de vida local e o benestar dos cidadáns”.
Deste xeito, as asociacións poden acceder a subvencións de ata un máximo de 17.000 euros cada unha tanto para a execución de obras como para o equipamento de inmobles da súa titularidade ou sobre os que teñan dereito de uso.
Igualmente, poden destinar o investimento a actuar sobre camiños ou traídas de auga veciñais, traballos que melloren a prestación dos servizos de interese veciñal.
Estas axudas son de concorrencia non competitiva, e a presente convocatoria recolle como principais novidades que as solicitudes deberán presentarse de modo electrónico e ademais existe a posibilidade de obter un anticipo da axuda de ata o 100% da contía.
O delegado valorou expresamente este anticipo que “evita que as asociacións teñan que adiantar o diñeiro necesario para efectuar as distintas actuacións, xa que se trata de colectivos sen ánimo de lucro que, en moitas ocasións, non teñen os recursos suficientes para afrontar estes tipos de gastos”.
A axuda económica pode acadar a totalidade do investimento realizado pola entidade solicitante, cun límite máximo de 12.000 euros para a realización de obras e 5.000 euros para dotación de equipamentos.
Poden ser beneficiarios das subvencións asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, as comunidades de usuarios de augas e as asociacións de mulleres rurais de Galicia, sempre que se atopen debidamente inscritas no rexistro de asociacións da Xunta.
Ao abeiro desta convocatoria, o pasado ano recibiron subvención 55 entidades lucenses por un importe global de preto de 566.000 euros, co que se levaron a cabo adecuacións de locais sociais, dotación de mobiliario, obras de camiños, rexeneración de pistas, compra de equipamentos informáticos, colocación de varandas protectoras ou recuperación de fontes, entre outros proxectos.
Os colectivos interesados dispoñen de prazo ata o 20 de febreiro para formalizar a solicitude. Poden consultar as bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado día 20 de xaneiro.