Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno de Ribadeo seguirá a loitar neste 2017 para defender os intereses do Concello diante de todas as administracións posibles

Ribadeo, 2 de xaneiro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, espera que neste recen estreado 2017 se fagan realidade proxectos como a residencia de maiores ou a rehabilitación do casco vello. E asegura que seguirá loitando por defender os intereses do Concello diante de todas as administracións.
O rexedor manifestou que “máis aló das felicitacións e das boas lembranzas que nos deu o pasado 2016 e das malas, que tamén houbo algunhas, agora toca desexar o mellor para todos e para todas para este ano novo que empeza cheo de retos, de esperanza e de ánimo de seguir traballando por Ribadeo entre todos, e dando o mellor de nós mesmos como sempre fixemos e facemos”.

Fernando Suárez dixo que “temos obras e proxectos que converter en realidade neste ano que agora empeza, a residencia, o urbanismo, o casco vello, o compromiso co medio rural, seguir afondando e traballando na realidade diversa e cultural deste concello tan fermoso que se chama Ribadeo. Pero temos que seguir loitando tamén e defendendo os intereses de Ribadeo alí onde teñan obriga legal e moral de atendelos, sexa este foro a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia, o Estado ou mesmo a Unión Europea”.

O alcalde ribadense subliñou que “temos que enfrontarnos a retos que sen dúbida xurdirán, estou convencido, dado que Ribadeo é un concello dinámico de 10.000 habitantes, e desde logo isto sempre vai pasar. Para isto tamén sabemos que contamos co alento de moita xente, de homes e mulleres, da vila e do campo, para seguir facendo de Ribadeo ese lugar agradable onde queremos seguir vivindo e onde outros queren facelo”.

Suárez Barcia desexou “moi bo ano 2017 para todas e todos, e confiando en seguir traballando por un Ribadeo mellor día tras día”.

Exit mobile version