Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación contribúe ao consumo de carne ovina colaborando coa marca Pastores de Galicia

Lugo 14-1-17. O Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, participou este venres na praza de Abastos de Lugo na presentación da marca de garantía Pastores de Galicia. Este novo selo, impulsado por OVICA, distingue no mercado a carne de cordeiro e de cabrito producida en Galicia. Servirá para incrementar o consumo deste tipo de alimento, que conta na provincia lucense coa maior porcentaxe de produtores de Galicia.

O organismo provincial colabora con este iniciativa cunha axuda económica de 3.000 euros, coa organización dun showcooking e degustación, así como coa elaboración de material divulgativo e un vídeo promocional dende a TIC.

“Queremos que se vendan os nosos produtos autóctonos de calidade e, para iso, temos que poñelos en valor e dalos a coñecer con iniciativas como a que hoxe presentamos, sinalou o Vicepresidente. Santos Ramos sinalou “a importancia de apoiar un sector en auxe coma este para combater o despoboamento no rural da provincia a través dun desenvolvemento económico e sostible”.

Xunto ao Vicepresidente, participaron no acto de presentación da marca Pastores de Galicia a Concelleira de Participación Cidadá de Lugo, Rosana Rielo; a Presidenta de OVICA, María del Carmen Fernández; a Presidenta da cooperativa Vélaro, asociada a OVICA, Vanessa Díaz; e un dos técnicos do colectivo e enxeñeiro agrónomo, Carlos Alberto Rodríguez. Os representantes institucionais tamén participaron na showcooking con degustación que estivo conducida polo cociñeiro Rubén García.

Vídeo gravado nas explotacións lucenses
O vídeo que promociona a marca Pastores de Galicia foi gravado por un equipo da Fundación TIC en varias explotacións da nosa provincia, en concreto, nos Concellos de Friol e Guntín. Nel amósase o xeito especial de crianza e alimentación natural baseado no pastoreo, que empregan os criadores lucenses integrados nesta marca.

Precisamente, con este audiovisual os responsables do selo queren por en valor e darlle maior visibilidade a esta práctica natural de crianza que, segundo apuntan, marca a diferencia coa que se está a empregar noutras zonas produtoras de gando ovino e cabrún.

Marca de garantía
A marca “Pastores de Galicia” ten por obxectivo recoñecer o valor do “año e cabrito do país” producido en Galicia dun xeito artesanal e propiciar a profesionalización de todo o sector, de xeito que os gandeiros e gandeiras acaden unha maior renda, que poida repercutir en novos investimentos nas súas granxas. Ademais, vén a paliar o descenso tanto do consumo como da produción deste tipo de carne que se produciu nos últimos anos, debido á falta de relevo xeracional entre os produtores.

OVICA, que ten a súa sede na capital lucense. Conta con 174 socios en Galicia, dos cales 84 son da provincia de Lugo. O colectivo agrupa ao 50% dos produtores profesionais de ovino e cabrún de Galicia, que suman un total de 27.250 cabezas.

Exit mobile version