Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación xera 193 empregos na provincia para lucenses no paro co “Ben Empregado 3, máis social”

DSC_0035Lugo, 20 de xaneiro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, informou este venres que o Executivo da Deputación acordou na Xunta de Goberno de hoxe a xeración doutros 193 novos empregos na provincia para lucenses no paro co “Ben Empregado 3, máis social”. Fixérono aprobando os perfís laborais que solicitaron as empresas e colectivos sen ánimo de lucro que resultaron beneficiadas das axudas desta programación para as contratacións, así como as bases de selección pública dos novos traballadores. Campos Conde ofreceu esta información xunto ao Deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e de participantes no rematado “Ben Empregado 1”, que contaron as súas exitosas experiencias.

Neste senso, o titular provincial apuntou que “son veciñas e veciños da provincia, que hai aproximadamente ano e medio estaban no paro, que comezaron a traballar a mediados do 2015 grazas ao Ben Empregado 1, e que, rematada dita programación, continúan nos seus postos de emprego. Son algúns dos 70 lucenses que a día de hoxe contan con novos contratos, asumidos por empresas e colectivos da provincia que deixaron de recibir as axudas económicas da Deputación para os custos laborais dos traballadores, coas que contaron durante 1 ano. Co Ben Empregado 1, conseguimos unha verdadeira inserción laboral de máis do 30%”, subliñou. Foron 227 os desempregados lucenses os que participaron na primeira edición desta programación.

O Presidente informou que na actualidade hai outros 109 lucenses que estaban no paro e que hoxe traballan gracias ao Ben Empregado 2 en empresas e colectivos da provincia que seguen a recibir subvencións da Deputación para financiar os seus custos laborais.

Mañá o Boletín Oficial da Provincia publicará a listaxe dos 193 novos empregos que ofrece o Goberno da Deputación na provincia coa 3ª edición desta programación, dotada de 2,3 millóns de euros, que é máis social. O luns abrirase o prazo de solicitude, que se prolongará ata o 3 de febreiro. Os interesados poden inscribirse no Pazo de San Marcos.

Máis Social
Campos Conde explicou as melloras que o Executivo da Deputación decidiu incluír no Ben Empregado 3 para facelo máis social. Por exemplo, ás empresas ofreceulles unha primeira liña coa que financiarlles ao 100% os custos laborais pola contratación de novos traballadores no caso de seren desempregados lucenses con capacidades diferentes ou de colectivos vulnerables. (Persoas con problemas físicos ou psíquicos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex-reclusos, ex-drogodependentes ou persoas de etnia xitana.) A segunda liña que lles propuxo consiste no financiamento do 50% dos custos laborais pola contratación de desempregados lucenses en xeral.

Son 36 as empresas que optaron pola primeira liña e que polo tanto recibirán cada unha un máximo de 22.000 euros da Deputación para a contratación de 39 lucenses no paro con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables. 116 decantáronse pola segunda liña e recibirán o 50% da axuda económica da Deputación para a contratación de 126 desempregados lucenses.

Aos colectivos sen ánimo de lucro, o Executivo da Deputación decidiu ofrecerlles tamén o 100% da axuda económica (un máximo de 22.000 euros) cos que asumir todos os custos laborais dos novos traballadores co obxectivo de contribuír a súa actividade socias. Son 26 asociacións da provincia as que poderán contratar 28 lucenses no paro.

Labor social recoñecida en Galicia
Que o Goberno Provincial favoreza a contratación de lucenses con capacidades diferentes ou de colectivos máis vulnerables, así como a actividade social de colectivos sen ánimo de lucro da provincia, foi unha das cuestións que supuxo que a Deputación de Lugo recibise nos pasados meses o premio anual que ofrece COGAMI a unha soa institución de Galicia polo seu traballo e implicación en prol da igualdade. Cómpre subliñar que o organismo provincial de Lugo é a primeira institución da Comunidade galega cun plan de emprego co que asume ao 100% a contratación de persoas con capacidades diferentes.

Máis cláusulas sociais
O Ben Empregado 3 tamén é máis social porque o Goberno incrementou as cláusulas sociais. Xa as incorporou na selección de empresas lucenses para primar ás de nova creación, ás impulsadas por mulleres, maiores de 45 anos ou por mozos de entre 16 e 35 anos. Tamén favoreceu ás entidades e colectivos sen ánimo de lucro que propuxeron contratacións indefinidas, cursos de formación, medidas de conciliación ou melloras en canto aos convenios do sector. Ademais, excluíu ás empresas ou asociacións beneficiadas do Ben Emprego 1 e 2, que finalmente, tras deixar de recibir a subvención da Deputación, non mantiveron aos traballadores.

As cláusulas sociais incorporaranse aos contratos dos 193 novos traballadores para blindar os seus dereitos laborais. No caso de incumprimentos, as empresas e colectivos poderán perder a subvención da Deputación. O Goberno da Deputación incrementou ademais as medidas de control. Por exemplo, as contratistas terán que rendir contas todos os meses (os 10 primeiros días) para comprobar, con documentación oficial, que se ingresan en tempo e forma as correspondentes nóminas.

Experiencias de lucenses insertados laboralmente co Ben Empregado 1
O Presidente estivo acompañado por lucenses que estaban no paro, que atoparon traballo co Ben Empregado 1 e que, rematada a primeira edición desta programación, cando as empresas e colectivos xa non reciben a subvención da Deputación, continúan nos seus postos de traballo. Estes veciños da provincia contaron as súas experiencias:

– José Ramón García Rodríguez, 48 anos. Tras 3 anos no paro, conseguiu emprego grazas ao Ben Empregado 1. Hoxe segue a traballar como peón gandeiro na explotación “A Rebolta”, situada en Vilalba. Ten contrato indefinido.

– Alejandra Varela López, 21 anos. Tras meses no paro, comezou a traballar co Ben Empregado 1 como dependenta nun establecemento de Riotorto: “Hermanos Rivas Tojal”. Tras rematar o plan da Deputación, contratárona de xeito indefinido.

– Ángel Folgueira Álvarez, 40 anos. Estudou Relacións Laborais e un Máster en Recursos Humanos. Traballou no sector da construción. Logo de 3 meses no paro, grazas ao Ben Empregado 1 comezou a traballar no Centro Comercial de Monforte. Tras rematar o plan da Deputación, convertérono no xerente deste centro cun novo contrato.

– Mª Nieves Gallardo Martínez, 39 anos. Técnico Superior en Administración de Sistemas Informáticos. Tras varios contratos temporais e meses no paro, o Ben Empregado 1 ofreceulle un posto axustado a súa formación na consultora “Beatriz Varela Regueira”, situada en Lugo, na que segue a traballar.

– José Manuel Deiros Gómez, 29 anos. Enxeñeiro Técnico Forestal. Levaba 6 meses no paro e nunca traballara exercendo a súa profesión ata o Ben Emprego. Continúa co seu posto no gabinete técnico interterritorial Galatec, que se sitúa en Becerreá, con contrato indefinido.

– Ana María López Suárez, 44 anos. Axente de Emprego. Levaba 3 meses no paro. Segue a traballar da súa profesión na Asociación “É deidades” cun contrato por 1 ano máis.

– Oliverio Álvarez Díaz, 43 anos. FP de Mecánica, Electricidade e Pintura. Levaba 2 anos no paro. Segue a traballar como mecánico soldador na empresa de Lugo “Lucenses de carretillas” logo de facelo durante 1 ano co Ben Empregado 1.

Exit mobile version