Site icon Crónica3.com A Mariña

O parlamento pide á Xunta que colabore para poñer semente certificada a disposición dos produtores de faba de Lourenzá

Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa única abstención de En Marea, a través da que se insta á Xunta a impulsar as medidas necesarias que permitan poñer a disposición dos produtores de faba de Lourenzá sementes certificadas, con fin de garantir a procedencia e a calidade desta faba.

A deputada popular, Raquel Arias, explicou que a certificación da semente da faba de Lourenzá pretende dar un “paso máis”, despois do “bo traballo desenvolvido nos últimos anos polos produtores e as administracións”, en aras de profesionalizar e rendibilizar economicamente este cultivo. Un proceso no que a declaración de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) en 2008 foi, segundo salientou, determinante.

Que a Consellería de Medio Rural, coa axuda e implicación dos Centros de Investigación Agrarios existentes en Galicia, colabore cos produtores de faba de Lourenzá para que dispoñan de semente certificada é, ao entender de Raquel Arias, “aunar sinerxias e esforzos”, que permitirán “amplificar beneficios e beneficiarios”, así como facer asumibles os custos derivados da propia certificación.

TRIPLO OBXECTIVO

Neste senso, a iniciativa persegue un triplo obxectivo. Por unha banda, protexer e garantir dende o punto de vista agrónomo a esencia da faba de Lourenzá. Unhas fabas secas, procedentes da familia das fabáceas ou leguminosas, especie Phaseolus vulgaris, L, da variedade coñecida como Faba Galaica.

Pretende, en segundo lugar, garantir a continuidade deste tipo de cultivo no tempo. Unha actividade moi importante para todos os concellos adscritos á Indicación Xeográfica Protexida (Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove) pola súa repercusión económica, a súa contribución a fixar poboación e o seu valor medioambiental, xa que, como calquera legume, o seu cultivo contribúe de xeito decisivo ó enriquecemento do suelo e non se deriva del contaminación algunha.

Contar con semente certificada redundará, en terceiro lugar, en beneficio dos produtores pero tamén dos consumidores.

Raquel Arias tamén considerou que, dentro das “obrigas como parlamentarios”, atópase protexer os recursos cos que conta Galicia, entre os que se inclúen os fitoxenéticos. “Recuperar e conservar as nosas variedades autóctonas, o noso material xenético de orixe vexetal, que ten un indubidable valor real e potencial de cara á alimentación e a agricultura, significa tamén manter a herdanza cultural de Galicia”, dixo.

Exit mobile version