Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación e os Alcaldes reivindican en FITUR as potencialidades únicas da provincia para converterse nun referente turístico no país

DSC_0077[1] (1)Lugo, 19 de xaneiro de 2017. O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este xoves en FITUR a nova campaña de promoción turística da provincia que puxo en marcha o Goberno da Deputación: Lugo Cambia. Fíxoo acompañado de representantes dos 4 xeodestinos nos que se divide a provincia: Lugo-Terra Chá, xunto a Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo, que é capitalidade da provincia; Regina Polín Rodríguez, Presidenta das Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias e Alcaldesa de Guitiriz, que é un dos maiores Concellos da Terra Chá; Alfredo Llano García, Alcalde de Burela e Presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense; Benigno Gómez Tadín, Alcalde de Cervantes, un dos municipios da montaña onde se sitúan emblemáticos lugares como as Pallozas do Piornedo, declaradas Ben de Interese Cultural; e José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos, capitalidade da Ribeira Sacra. Xuntos reivindicaron as potencialidades que ten a provincia de Lugo para converterse nun “xusto” referente turístico no país.

Campos Conde destacou que para moita xente “Lugo segue sendo unha grande descoñecida, pois moitas persoas non saben que, por exemplo, en Lugo temos mar, con máis de 100 quilómetros de Costa con impresionantes praias, algunhas delas catalogadas como xoias mundiais, ou que máis do 50% do territorio da provincia está recoñecido pola UNESCO, xa que se sitúan 3 Reservas da Biosfera. Pero os nosos distintivos van máis alá, pois en Lugo contamos con Patrimonios da Humanidade como a Muralla de Lugo, as Catedrais de Lugo e Mondoñedo ou os Camiños Norte e Primitivo. De feito, as rutas de peregrinación cara Santiago de Compostela na provincia suman 800 quilómetros. Tamén en Lugo acollemos o maior espazo natural de Galicia, Os Ancares e O Courel, ademais de ser unha das maiores concentracións de románico de toda Europa, que se estende pola idílica Ribeira Sacra, e que compartimos con Ourense”.

“Os lucenses queremos compartir con todo o mundo o conxunto de recursos que fan de Lugo unha provincia única, porque estamos convencidos de que é de xustiza dalos a coñecer”, destacou Campos Conde.

O Presidente subliñou que “queremos superar o millón de persoas que nos visita ao ano, para que sexan moitas máis as persoas que queden marabilladas coa nosa provincia. É por iso que decidimos pór en marcha a campaña de promoción turística: Lugo Cambia”.

Campos Conde explicou que se escolleu este lema por 3 razóns:

1ª.- Pola diversidade da oferta turística, porque “en Lugo hai varios mundos. Visitando a provincia pódese desfrutar, na zona norte, das fermosas e extensas praias, bañadas polo mar Cantábrico, que permite unha diversa actividade deportiva e do que nacen produtos pesqueiros de altísima calidade, demandados polo mercado nacional e internacional”.

“Na zona centro, de idílicos e moi diversos recursos: dende as inmensas chairas de prados verdes da Terra Chá; ás montañas do Courel; ás augas termais de Lugo ou Guitiriz, e ás cimas nevadas de Pedrafita do Cebreiro, que é ademais a porta de entrada en Galicia do prestixioso Camiño Francés a Santiago”.

“Na zona sur, de importantes paisaxes fluviais que ademais se poden recorrer a través de rutas en catamarán, ou dunha intensa actividade vitivinícola, que sitúa aos nosos viños coa denominación de orixe Ribeira Sacra entre os mellores a nivel internacional.”

2ª.- Por ser capaces de manter no tempo, tras miles ou centos de anos, a rica historia e tradición da nosa provincia grazas á innovación e ao cambio. “Na idade Moderna, Lugo viviu o esplendor da industria das ferrerías hidráulicas, coa posta en marcha de 5 factorías. Durante séculos, as forxas proporcionaron a base tecnolóxica a todas as demais labores e profesións da cultura tradicional. A pesares de que, cara o século XVIII empezou a decaer, o esforzo dos primeiros ferreiros fixo que esta profesión artesanal siga viva. Hoxe, na provincia de Lugo pódense visitar forxas en activo que incorporaron liñas máis artísticas; así como os restos de outras antigas, como a restaurada no Mazo de Ferreiravella”.

“Lugo cambiou; e cambia porque se reinventa para que os seus signos de identidade, non só permanezan no tempo, senón que sexan, ademais, un atractivo turístico único e fonte de riqueza”, destacou Campos Conde.

3ª.- Ten que ver coas sensacións. “Garántovos que ver, oír, tocar ou probar os distintos recursos da nosa provincia deixan pegada. Lugo cambia”, sentenciou o Presidente.
4 xeodestinos turísticos
O Presidente da Deputación presentou os 4 xeodestinos turísticos nos que se divide a provincia de Lugo. Fíxoo acompañado de Alcaldes que representan a cada unha das zonas, que son os seguintes:

– A Mariña que abarca 15 Concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Campos Conde reivindicou con Alfredo Llano García, Alcalde de Burela e Presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense, a beleza desta zona.

– Ancares- Courel que abarca outros 13 Concellos: A Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Triacastela e Samos. Campos Conde reivindicou con Benigno Gómez Tadín, Alcalde de Cervantes, un dos municipios da montaña onde se sitúan emblemáticos lugares como as Pallozas do Piornedo, declaradas Ben de Interese Cultural; o potencial da zona.

– Lugo-Terra Chá que aglutina 26 municipios: Abadín, Antas de Ulla, A Pastoriza, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, O Corgo, O Páramo, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade. Campos Conde reivindicou con Lara Méndez López, Alcaldesa de Lugo, que é capitalidade da provincia; e Regina Polin Rodríguez, Presidenta das Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias e Alcaldesa de Guitiriz, que é un dos maiores Concellos da Terra Chá, as riquezas da zona.

– Ribeira Sacra con outros 13 Concellos: A Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober e Taboada. Campos Conde reivindicou con José Tomé Roca, Alcalde de Monforte de Lemos, capitalidade da Ribeira Sacra, o encanto da zona.

Traballos audiovisuais
O Goberno da Deputación presentou en FITUR a primeira das acción da campaña de promoción turística da provincia “Lugo Cambia”, dando a coñecer os primeiros 5 traballos audiovisuais, pois xa traballa na elaboración de novo material con máis detalles sobre o que poden atopar os visitantes en cada un dos xeodestinos turísticos da provincia de Lugo. Toda esta documentación estará en galego, castelán, inglés, portugués e francés para chegar a todos os públicos.

Exit mobile version