Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG-PSOE a través do seu Grupo Municipal presenta propostas aos orzamentos do Concello de Foz

Foz, a 04 de xaneiro de 2017. Fai uns días o PSdeG-PSOE adiantaba cales ían a ser as liñas fundamentais de cara á aprobación dos orzamentos do ano 2017, beirarrúas na rúa do cemiterio, actuacións na rúa do Pilar, incremento das axudas as asociacións culturais e veciñais e dotación orzamentaria para a construción dunha canceira municipal.

Pois ben, unha vez analizado o borrador que nos presenta o equipo de goberno do PP corroboramos o xa avanzado. Xa que no ano 2017 van a comezar as obras de humanización da Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro, co conseguinte aumento do tráfico polas rúas do Cemiterio e do Pilar, consideramos necesario un investimento para dotar de beirarrúas a rúa do Cemiterio duns 100.000 euros nunha fase inicial e outra partida de 150.000 euros para iniciar os trámites necesarios: expropiacións, proxecto e obras de ensanche da rúa do Pilar. Unha obra que vai estar preto dos 500.000 euros e que vai a supoñer una parte importante dos orzamentos do Concello dos próximos anos, pero que consideramos moi urxente.

Reiteramos ademais o noso compromiso coas asociación culturais e veciñais e pedimos un incremento das subvencións para as mesmas. Dotación de 1000 euros para asociacións culturais e veciñais, de 800 euros para coros e pedimos incluír as ANPAS nestas axudas cuns 400 euros para o seu desenvolvemento.
Pedimos unha dotación orzamentaria para a construción da canceira municipal de 100.000 euros que consideramos máis acorde ás necesidades reais da protectora de animais.

Desde o PSdeG-PSOE de Foz consideramos que a partida destinada a festas non debe superar un 20% da que se fixou nos orzamentos do ano 2016. A proposta do Alcalde dun incremento de cerca do 100% é un menosprezo aos veciños que viron como, nos últimos anos, o equipo de goberno do PP e o Sr. Castiñeira lles incrementaba os impostos municipais, como a contribución, dunha forma desproporcionada e inxusta.
O denominado “Plan Verán” para manter limpo o pobo e prestar determinados servizos durante a temporada estival, debe realizarse con persoal contratado polo concello, polo que é necesario ampliar o Plan de Emprego para que polo menos nun 80% da partida orzada do Plan Verán sexa realizada mediante contratacións directas polo Concello.

Pensamos que deben destinarse uns 12.000 euros, como mínimo, a axudas por nacemento de fillos. Cunha cantidade de 400 euros por nacemento poderíase atender a 30 familias. Deberíamos establecer como condición que ao menos un dos proxenitores xa estivera empadroado no noso Concello cinco ou seis meses antes da solicitude e que os dous continuaran empadroados durante dous anos máis. E limitar en función da renda familiar. Unha medida de carácter social que se está a implementar noutros concellos do redor, como Trabada cunha medida igual, ou O Valadouro onde chegan os 600 euros por nacemento de fillo. Esta medida ademais de axudar á economía familiar, tamén contribuiría á fixar poboación. Recentemente a Mancomunidade da Mariña facíase eco de como na comarca se está a perder poboación, 800 habitantes menos neste último ano e 5071 habitantes menos en dúas décadas. Débense adoptar medidas para paliar e reverter esta situación e estas axudas serian un pequeno paso para elo.
E por último, e dado que xa contamos con una sentencia condenando ao Concello a pagar a débeda con Gestagua, os orzamentos deben contemplar una partida de 440.000 euros. O PSdeG-PSOE quere avanzar na municipalización do servizo da auga e considera que este debe ser un primeiro paso. Preto de finalizar o contrato este é un debate que debe trasladarse á opinión pública. Creemos que debe devolverse a auga aos veciños como ben público e nos próximos meses debemos traballar nunha axenda neste sentido.
Todas e cada unha destas propostas son imprescindibles para a aprobación dos orzamentos. Consideramos que son innegociables por necesarias, imperiosas, posibles e non descabelladas.
Veremos a vontade política do Sr. Alcalde.

Ademais destas propostas o PSdeG-PSOE presenta outras que deben considerarse nos presupostos porqué así o pediron os veciños, se aprobaron en pleno ou xa as pediu o grupo municipal socialista nos orzamentos do ano pasado e non foron incluídas:
-Unha dotación para un camión limpa-contenedores. Xa que son moitos os veciños que se queixan dos malos olores que desprenden estes e da súa falta de limpeza.
-Una dotación de 1000 euros para cambiar a marquesina de San Acisclo.
-Unha dotación de 20.000 para a ampliación do centro social de San Acisclo.
-Unha dotación para colocar uns bolardos na praza Conde Fontao, para regular o paso dos vehículos dos veciños.
-Arranxo da rúa que vai a Fondás e Rego de Mañente en Vilaronte que xa solicitou o PSOE no presupostos de 2016.
-Arranxo das beirarrúas da Avenida de Sarria e arranxo da rúa da Constitución.
E solicitamos que se estableza na memoria dos orzamentos, que cando as obras non saian a concurso, que se presenten ofertas en sobre cerrado de ao menos tres empresas do sector para súa apertura por toda a Corporación.

Exit mobile version