Mondoñedo, 3 de xaneiro de 2017. O Grupo Municipal Socialista de Mondoñedo demandou na última sesión plenaria de decembro, o arranxo dos bancos da Alameda dos Remedios, xa que tralas festas non quedaron correctamente instalados , e mesmo poderían resultar un perigo para os usuarios. Ademais demandou que se adecenten as instalacións da Oficina de Turismo.
A voceira do Partido Socialista, Esperanza González, interpelou á rexedora na última sesión plenaria sobre a recollida de plásticos agrarios no Concello. “Fixemos esta pregunta ante a demanda dos veciños que reclaman unha solución a este asunto, e tralo compromiso do goberno local de construír uns puntos limpos para a súa recollida en diversas parroquias”. No Pleno, o Concello avanzou que está traballando nun novo sistema de recollida que realizará unha empresa privada que supostamente irá casa a casa a buscar os residuos; e, ao parecer non terá ningún custe, nin para o Concello, nin para os usuarios.
O Grupo Socialista tamén preguntou na mesma sesión plenaria pola reposición de colectores de lixo deteriorados, xa que o Concello acaba de recibir da Mancomunidade de Municipios da Mariña unha remesa de colectores novos.
Plan Urbe
Doutra banda dende o Grupo Socialista quixemos coñecer a data de inicio das obras do Plan Urbe que se aprobaron no mes de xuño. E segundo avanzaron será aprobada no mes de xaneiro por parte da Xunta.
Noutro punto da Orde do dia, sobre a cesión dun inmoble por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello de Mondoñedo situado no Matadoiro, Esperanza González explica que o PSOE posicionouse en contra “xa que entendemos que é a propia Xunta quen debe rehabilitar este edificio que é da súa propiedade dende fai mais de 8 anos”. Advirte que é a propia Xunta a que debe facerse cargo del, e non o Concello, que xa conta no seu patrimonio cun importante numero de inmobles dos que ten que facerse cargo xunto con todos os seus gastos, como luz auga ou mantemento”. Ademais lembra que fai máis dun ano a Conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou unha serie de actuacións de rehabilitación nos Muíños e a dia de hoxe non hai feito nada de nada.