A de San Blás é romaría entrañable, á que acude xentío da vila e a bisbarra, pois en boa medida pervive a crenza de que o santo é abogoso das doenzas da gorxa, ao que os crentes se encomendan, ao tempo que se realiza o vello rito de “poñer o Santo”.
O aspecto lúdico tradicional xira en torno ós bailes que hai moitos anos tiñan por marco a “aira de Morán”; logo serían no salón da Corredoira (hoxe Xoíña), onde se competía co “baile da escoba”, que se ben non era espectáculo artístico nen estético, era divertido e moi paticipado.
O tempo desapacible, que en tales datas acostuma, deixou unha referencia histórica: en 1954 o contorno viviu a mais grande nevarada que lembramos; tanto que impidiu que se celebrase a festa, pois a orquestra contratada (Ritmo, de Mondoñedo) non díu chegado ó lugar da mesma. Hoxe unha ampla carpa protexe das inclemencias e alí terá lugar, amais dos consabidos bailes, o “día dos callos” que, co “pan de San Blas”, son as singularidades gastronómicas da ocasión.
Esperemos que o día 3, a climatoloxía sexa favorable, e que alguén poida facer a encomenda: “Se vas ao San Blas tráeme un Blasiño, que non sexa moi grande nen moi pequeniño…”
A capela de San Blas, coas do Pilar na Espiñeira e a desaparecida de San Xoan, na finca que arrodea o Asilo, pertencían ó Condado de Guimonde, cuias propiedades que tiña por toda Galicia, foron liquidadas polo Maiordomo, a finais do S.XVIII, ó finar sen descendencia o último Conde e, polo tanto, desmantelado o Condado.