Site icon Crónica3.com A Mariña

O tribunal supremo dalle a razón ao ex secretario do real club náutico de Ribadeo e condena á entidade a facerse cargo das costas do proceso xudicial iniciado hai tres anos

Ribadeo, 27 de xaneiro de 2017. O Tribunal Supremo ven de darlle a razón ao ex secretario do Real Club Náutico de Ribadeo, Fernando Vázquez Orge, e condena á entidade a facerse cargo das costas do proceso xudicial iniciado hai tres anos. O Supremo desestima o recurso de casación interposto polo RCNR contra a sentencia ditada pola Audiencia Provincial de Lugo en xaneiro do pasado ano e imponlle ao recorrente “las costas del recurso de casación que desestimamos, así como la pérdida del depósito constituido”.
O que fora presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Mario Coto, e compañeiro de Fernando Vázquez na anterior directiva, asegura que “esta sentencia, que lle dá a razón ao ex secretario do RCNR, ven confirmar o que nosoutros sempre dixemos: que non roubamos nada e que non fixemos nada grave na entidade, algo que estes señores nos quixeron imputar”.

Para Coto “unha vez máis a xustiza está por encima de todo. A sentencia hai que acatala por parte da presidencia do Real Club Náutico de Ribadeo e a directiva. Creo que se equivocaron moito con este asunto, que chegou ata onde chegou debido ás acusacións que fixeron contra nosoutros. Creo que economicamente isto vai ser grave para as arcas do RCNR”. Segundo as estimacións realizadas pola anterior directiva os gastos ocasionados polos procesos xudiciais nos que se atopa inmerso o Real Club Náutico de Ribadeo poden chegar “como mínimo” ata os 60.000 euros.

Mario Coto fai unha petición á actual directiva: “deben pedirlle perdón a Fernando Vázquez Orge publicamente, por telo acusado de algo que nunca na súa vida fixo, e que lles pidan perdón publicamente aos socios por telos metido neste proceso xudicial, neste follón de mentiras. E penso que por todo o feito deben presentar a súa dimisión automaticamente. Non vexo razón para que isto se fixera así como se fixo”.

Exit mobile version