Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do libro “As contas que nos contan” en Foz

CONTAS_Foz_imprimirA3Foz 13-1-17. A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o Xoves 19 de Xaneiro, ás 20:30, na Libraría Bahía de Foz a presentación do libro “As contas que nos contan”, volume editado por “Sermos Galiza”, no que se analizan as causas e as formas do espolio económico de Galiza. O acto estará presentado por Xoán Ramón Fernández Pacios, Presidente da Pomba do Arco, en el tomaran a palabra Xoán Costa, Conselleiro Delegado de Sermos Galiza, e Xosé Díaz Díaz, autor do libro.

A Pomba do Arco con este acto quere informar sobre determinados aspectos da realidade económica de Galiza e de xeito moi particular fornecer elementos de análise que rachen co tópico de que o noso país é unha realidade subsidiada ou necesitada da esmola externa para garantir as necesidades básicas aos seus cidadáns. Así, entre outras cuestións, achegaranse dados que aclaran como Galiza sae especialmente prexudicada co actual modelo de financiamento. Dados que explican como o aforro dos galegos é drenado polas entidades de crédito e outros que demostran as consecuencias negativas que ten para a nosa economía o feito de que máis de 5000 empresas que operan en Galiza teñen a súa sede fiscal en Madrid ou como as galegos e galegas achegamos en concepto de impostos ao estado máis do que nos correspondería pola nosa poboación ou PIB.

O autor do libro “As contas que nos contan” é o economista ferrolán Xosé Díaz Díaz, quen nos últimos 20 anos se ten dedicado a botar luz sobre dalgúns dos aspectos que vimos de referir. Este autor foi quen de poñer en evidencia a falsidade de boa parte das balanzas fiscais así como a natureza e a mecánica dun modelo de financiamento claramente lesivo para os intereses do pobo galego. Asemade Xosé Díaz é autor de diversos estudos nos que analiza o impacto económico que provoca no País a existencia de máis de 5000 empresas que operan en Galiza pero que tributan en Madrid, entre as que se atopa a factoría de Alcoa de San Cibrao, a empresa máis importante da Comarca da Mariña e que representa preto dunha terceira parte do PIB da provincia de Lugo.

A Pomba do Arco quere sumarse con este acto ao debate social sobre o modelo de financiamento, achegando opinións autorizadas que verten luz sobre aspectos que afectan á calidade de vida e ao benestar dos mariñaos e dos galegos. Neste sentido, ten especial atención para A Mariña, á marxe da propia tributación, as consecuencias negativas que ten para a nosa Comarca o feito de que empresas como a propia Alcoa, multinacionais eléctricas e boa parte das mercantís ligadas ao negocio eólico paguen o seus impostos fora de Galiza.
Xa por último, só nos fica convidar a todos os veciños e veciñas da Comarca a participar de este acto público

Exit mobile version