Site icon Crónica3.com A Mariña

Sete mil persoas pasaron pola pista de xeo natural que o Concello de Ribadeo e ACISA instalaron no parque de San Francisco durante as festas de nadal

Ribadeo, 9 de xaneiro de 2017. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha valoración moi positiva do que significou para o comercio local a pista de xeo natural que, a iniciativa do propio Concello e Acisa, estivo instalada no parque de San Francisco durante o Nadal. Por esta pista, que pechou onte as súas portas, pasaron 7.000 persoas desde o pasado 17 de decembro.

O rexedor manifestou que “acabados estes días de lecer e esparcemento con esta pista de xeo que tivemos montada aquí en Ribadeo, e que foi un referente en moitos quilómetros á redonda, debemos facer desde o Concello unha valoración moi positiva do que significou esta pista de xeo natural aquí en Ribadeo, no senso do que significou para o comercio local”.

Fernando Suárez contou que “aproximadamente vendéronse unhas 7.000 entradas na pista de xeo, 7.000 persoas puideron gozar en diferentes momentos deste Nadal desta pista, pero aproximadamente o 60% destas entradas viñan co desconto do comercio local”.

Para o alcalde ribadense “este tándem que facemos tan ben entre o Concello e máis Acisa, a asociación de comerciantes, resultou moi produtivo para que a xente de Ribadeo e de fora de Ribadeo, viñera aquí mercar no comercio local, que era en definitiva o reclamo e o que buscábamos”.

Suárez Barcia dixo que “aínda que non recuperemos todo o que custou, sempre temos un pequeno déficit, pero o certo é que para o comercio local foi un atractivo de primeiro nivel. Hai que ter en conta que esta actuación é moi complexa porque temos que contratar a persoal, que tamén é importante porque xeramos durante o Nadal catro postos de traballo, pero tamén hai que licitar o servizo tanto da propia pista como do subministro eléctrico, a carpa, etc… que neste caso a costea Acisa”.

O alcalde de Ribadeo salientou que “todo isto que facemos, coa pista de xeo, co Mercado de Nadal, co Ribadeo Indiano, co Tapeo, con todas as actividades culturais, educativas e de lecer que facemos ao longo do ano, forma parte desta idea de que queremos que a xente veña a Ribadeo. Queremos ofrecer Ribadeo como algo diferente e dinámico, e penso que outra vez máis cumprímolo con creces”.

Exit mobile version