Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación A Mariña COGAMI sensibiliza ao alumnado do IES de Foz sobre a discapacidade

Foz 24-2-17. Unha profesional da asociación A Mariña-COGAMI, Elena Miragaya Prieto, acompañada dun voluntario, Ángel López Fernández, desprazouse ata o IES de Foz para impartir unha charla informativa e sensibilizadora a alumnado do 1º curso de servizos de restauración e de 1º curso de dirección de cociña.

O obxectivo desta charla é a de sensibilizar e facilitar información sobre as pautas de actuación que deberán tomar cando sexan futuros profesionais da hostalería e teñan que atender con persoas con diferentes capacidades.

Ademais, Ángel López, voluntario da entidade, aproveitou para contar a súa propia experiencia persoal nos locais de hostalería, o que atopa cando quere ir tomar un café, por exemplo, e moitas veces xa non pode acceder ao local por ter escaleiras; ou de acceder ao bar non pode utilizar o aseo, ben porque queda despois de subir ou baixar escaleiras ou, no caso de que estea adaptado, non pode acceder a el por ter unha porta estreita ou por ser de dimensións moi pequenas, e non cabe dentro a cadeira; outra situación que se dá é que cando vai acompañado de máis persoas, o camareiro, en lugar de mirar para el, fala cos acompañantes,… en definitiva, comenta vivencias reais polas que pasa calquera persoa con discapacidade.

Con este tipo de charlas de sensibilización e información, dende A Mariña-COGAMI, entidade que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) preténdese explicarlle ao alumnado en que consiste a discapacidade, as diferentes tipoloxías que hai e como dirixirse a unha persoa que ten unha discapacidade, como tratala con normalidade. O que se pretende é tratar de concienciar sobre a diversidade que existe na sociedade, de que todas as persoas somos diferentes e de que todas temos capacidades.

Exit mobile version