Site icon Crónica3.com A Mariña

A asociación A Mariña promove a integración social das persoas con enfermidade mental nas celebracións do Entroido

A Mariña - elaboración das figuras de entroidoBurela, 22 de febreiro de 2017.- A asociación de saúde mental A Mariña, con centros en Burela, Ribadeo e Cervo, ten previsto un completo programa de Entroido que inclúe múltiples actividades nas distintas localidades mariñás.

Durante as últimas semanas, os usuarios desta asociación estiveron a traballar na elaboración da sardiña que desfilará por Burela o mércores 1 de marzo, Día do Enterro da Sardiña, e que posteriormente será queimada. A figura construída en A Mariña representa a unha sardiña meiga que porta unha chistera sobre as ondas do mar. Os membros da asociación tamén participarán neste desfile, acompañando á sardiña e visibilizando o seu papel como parte activa da comunidade.

Igualmente, os usuarios de A Mariña tamén foron os encargados de elaborar os trofeos que se entregarán aos gañadores do desfile de disfraces de Burela o domingo 26 de febreiro, para o cal estiveron máis de dúas semanas traballando nos seus Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral.

Ademais desta colaboración na preparación do Entroido mariñán, a asociación A Mariña dará o seu particular pistoletazo de saída a estas festas coa Festa de Entroido que se celebrará este xoves 23 de febreiro, na Unidade Residencial de Cervo. Nesta celebración participarán preto de 60 persoas entre traballadores e usuarios dos diversos centros da asociación, que gozarán dun desfile de disfraces e un concurso de baile no que serán premiados os tres mellores participantes. Tras un xantar de confraternidade no que haberá pratos típicos destas datas, os membros de A Mariña farán unha saída pola tarde para rematar a festa polo entorno.

Por outra banda, a asociación tamén participará nos distintos desfiles de disfraces da comarca coa súa comparsa “O Enxame da Mariña”, para a cal confeccionaron os seus propios disfraces de abellas, apicultores e mesmo avespas velutinas.

“O Enxame da Mariña” desfilará o día 26 no concello de Cervo, o martes 28 en San Cibrao e o sábado 4 en San Román de Vilaestrofe, ademais de acudir como observadores a outros desfiles dos arredores. Coa súa participación nestas celebracións, A Mariña quere reivindicar o papel activo das persoas con problemas de saúde mental na sociedade e chamar a atención sobre a necesidade de potenciar a súa plena integración social.

A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña naceu en 1999 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral.
Actualmente conta con máis de 200 socios colaboradores e con 75 usuarios, que se benefician dos servizos prestados nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e de Ribadeo, na vivenda tutelada de Burela e na Unidade Residencial de Cervo.

FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios.

Exit mobile version