Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de medio rural apoiou a 43 gandeiros lucenses en dificultades para facer fronte a débedas financeiras ou de provedores

Lugo, 25 de febreiro de 2017.- Un total de 43 gandeiros lucenses resultaron beneficiarios da orde de axudas para os titulares de explotacións leiteiras que estean a pasar por dificultades financeiras derivadas da súa actividade, un programa de subvencións creado especificamente para os produtores lácteos debido ao delicado momento polo que están a pasar.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas concedidas na provincia de Lugo suman 356.230 euros, e están orientadas a facer fronte ás débedas financeiras ou de provedores acreditadas polos beneficiarios.

A Consellería do Medio Rural habilitou un programa con 3 millóns de euros de orzamento para estas achegas, que pretendían dotar de liquidez aos gandeiros, pero finalmente só foi preciso facilitar 1.747.519 euros, que beneficiaron a 205 gandeiros en toda Galicia.

As axudas oscilan entre 200 e 15.000 euros (este é o importe máximo que permite a normativa europea dado que se trata dunha axuda de mínimis) para abonar facturas ou préstamos impagados.

Balseiro subliñou que a Xunta segue a traballar para garantir o futuro das explotacións e contribuír así ao desenvolvemento do campo, incidindo en que “o leiteiro é un sector estratéxico para Lugo que, ademais de xerar un produto alimenticio de primeira calidade, desenvolve unha función social, xerando emprego e evitando o despoboamento do rural”.

Exit mobile version