Site icon Crónica3.com A Mariña

A crise do sistema bancario español

-O vello mundo morrerá e o novo alumbrará
-¿E mentres tanto?
– …

Unha loita agónica, un proceso de enconada resistencia, a espada apunta e a parede bota o alento na caluga… Algo así está a suceder co modelo bancario español que, cal enfermo crónico, agoniza postrado no seu leito de morte, coas constantes cada vez máis febles pero porfiando coller o ineludible camiño de non retorno.

Din os médicos que o corpo humano é un conxunto de vasos comunicantes, un amalgama de órganos no que a disfunción dun deles pode provocar un colapso, un fallo multi-orgánico, o que en termos económicos se denomina default ou corralito.

E é que a metáfora da saúde ven traída ó caso para explicar que esta mesma semana o exgobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordoñez, fora citado a declararar como investigado pola sala terceira da Audiencia Nacional en relación co caso Bankia.

¿Que pasou con Bankia? Grosso modo, despois de fusionarse as caixas de aforros Caja Madrid e Bancaja o día 28 de xuño de 2011, a Xunta Xeral de Accionistas e o Consello de Administración acordaron a saída a bolsa de Bankia, supervisada polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores e coa auditoría de Deloitte.

A que se promocionaba no proceso de venda de accións como a entidade financeira máis solvente do sistema bancario español pasou, en menos dun ano a ser rescatada polo FROB, coa conseguinte dimisión do gurú económico Rodrigo Rato.

Os apelidos Rato ou Blesa pasaron a ser habituais figurantes de telexornais en almorzos, xantares e cenas das familias do país; os que foran estandartes dun modelo económico pasaron a selo do escarnio público e de interminables procesos xudiciais.

Agora, no que algúns xornalistas calificaron como populismo xudicial, foron imputados no caso Bankia o exgobernador do Banco de España e o expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores.
E a cuestión non é baladí, pois o que está a poñer en entredito o poder xudicial é, nin máis nin menos, que a honestidade dos organismos públicos de control, a independencia do estado fronte ó sector bancario. E non pinta demasiado ben, pode que a forza de ir saneando nos estemos a dar conta de que todo está podre.

Froito dese proceso de descomposición atopámonos co Ministerio de Economía que veta tamén esta semana, novamente en base a criterios macroeconómicos, a lei impulsada polo Parlamento de Galicia por medio da que se acordaba a devolución íntegra ós afectados polas participacións preferentes.
E voltamos novamente á disquisición do populismo con respecto a Fernández Ordoñez, ¿é populista investigar a responsabilidade da autoridade pública bancaria no proceso de quebra e rescate de Bankia? Penso que é xusto e necesario, e que o único que salvaremos da queima nun mundo futuro será a independencia do poder xudicial.

Exit mobile version